A Xunta financia 85 proxectos postos en marcha pola mocidade ao abeiro do programa Iniciativa Xove

O Goberno galego leva investidos 6 millóns de euros nesta medida que ofrece axudas de ata 5000 euros a cada idea

Ao longo dos últimos 11 anos que leva en marcha, financiáronse ao redor de 1500 propostas ideadas pola xuventude galega
 

Santiago de Compostela, 15 de agosto 2021

A Xunta de Galicia financia, ao abeiro de Iniciativa Xove, 85 proxectos liderados pola xuventude e nos cales a mocidade é a protagonista, a través da planificación e realización das actividades. O Goberno galego achega preto de 400.000 euros a este programa, ao que xa leva destinado 6 millóns de euros para financiar unhas 1.500 ideas desde que se puxo en marcha hai 11 anos.

A Administración autonómica concede axudas de ata 5.000 euros a cada un dos diferentes proxectos aprobados. As temáticas prioritarias deste ano son, entre outras, aqueles proxectos orientados á posta en valor do Camiño de Santiago; así como as iniciativas centradas na promoción de actitudes e hábitos sustentables e na concienciación sobre o cambio climático.

Tamén se deu prioridade aos proxectos relacionados co emprendemento e a empregabilidade; a difusión de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil; a promoción de actitudes creativas e innovadoras; e o fomento da inclusión social e laboral, así como da accesibilidade das mozas e mozos pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.

Así mesmo, co programa Iniciativa Xove tamén se apoian proxectos vinculados ao sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC); o fomento da participación e empoderamento das mulleres novas; a posta en valor do patrimonio cultural e natural; e a dinamización do medio rural e da lingua galega entre a xente nova.

Iniciativa Xove diríxese tanto a organizacións xuvenís como a grupos informais de mozas e mozos que desexen realizar unha iniciativa xuvenil. Estes deberán estar formados por un mínimo de cinco e un máximo de oito persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.
 

Imaxes relacionadas