Extinguido o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Rubiá, parroquia homónima

Segundo as últimas medicións, o lume afectou unha superficie de 205 hectáreas, das que 190 son arboradas e o resto de monte raso

Tras os pertinentes traballos de comprobación sobre o terreo, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) creada nesta campaña pola Xunta determinou que a presunta causa do lume foi unha cabicha mal apagada
 

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Rubiá, parroquia homónima, quedou extinguido ás 20,07 h. desta tarde.
O lume orixinárase ás 18,06 h. do pasado xoves e, segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 205 hectáreas. Delas, 190 son arboradas e o resto de monte raso. No seu control participaron en total 4 técnicos, 19 axentes, 43 brigadas, 20 motobombas, 3 pas, 9 avións e 10 helicópteros.
Cabe engadir que, tras os pertinentes traballos de comprobación sobre o terreo, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) creada nesta campaña pola Xunta puido establecer que a presunta causa do lume foi unha cabicha mal apagada. Neste senso, estase a traballar na investigación completa conxuntamente co Servizo de protección da natureza (Seprona) da Garda Civil de Ourense para que verifiquen a procedencia dese elemento mediante proba de ADN, continuando así coas dilixencias oportunas.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.