A Xunta contribúe no Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia á divulgación da olería galega para manter este oficio tradicional

Xunqueira de Espadanedo (Ourense), 14 de agosto de 2021

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu hoxe en Xunqueira de Espadanedo ao VII Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia, onde destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa colaboración en programas formativos e divulgativos das diferentes olerías galegas co ánimo de garantir o relevo xeracional e contribuír a manter este oficio tradicional vencellado co territorio e a identidade galega.

Fabeiro fixo esta reflexión durante a súa intervención na mesa-debate Pasado, presente e futuro da olería, onde tamén quixo facer especial fincapé no importante factor económico que desenvolve o sector artesanal en Galicia. O VII Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia, que estará dispoñible ata mañá no Museo da Olería de Niñodaguia, conta coa colaboración do Goberno galego e inclúe demostracións de distintos profesionais para grupos reducidos –tanto para público infantil como adulto–; visitas guiadas ao museo; e unha exposición de fotografías de José Suárez, que estará aberta ata o 17 de outubro.

Imaxes relacionadas