A Xunta investirá 40.000 euros na mellora da fachada do centro de día do complexo de maiores de Cerdedo

O obxectivo é manter en bo estado de conservación o inmoble e harmonizar a súa imaxe exterior co novo edificio anexo que se destinará a zona residencial

Retiraranse os elementos da cuberta deteriorados, limparase e pintarase a fachada, e repararanse as pinturas interiores afectadas pola humidade
 

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) 14 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia acometerá obras de mellora no edificio destinado a centro de día do complexo de maiores de Cerdedo por un montante de 40.000 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, deu conta destes traballos durante unha visita á infraestrutura na que estivo acompañado do alcalde do municipio, Jorge Cubela.
Perfecto Rodríguez explicou que o obxectivo desta intervención é manter en bo estado as instalacións, así como solucionar problemas de humidades e, a nivel estético, que tanto o edificio de centro de día como a nova ampliación que se destinará a residencia teñan unha imaxe harmonizada.
Neste sentido, a intervención programada centrarase, fundamentalmente, na fachada exterior do centro de día, que se pintará e se mellorarán as condicións de illamento e impermeabilidade Ademais, con esta actuación redundarase no benestar das persoas usuarias e reduciranse custes enerxéticos.
Os traballos consistirán na retirada dos elementos da cuberta que estean deteriorados, na limpeza, protección e pintado da superficie da fachada; e na reparación de pinturas interiores afectadas pola humidade. Así mesmo, a actuación inclúe a instalación dun sistema de rego con programador para facilitar o mantemento da zona axardinada.
Nova zona residencial
Estas obras coinciden coa próxima entrada en servizo a finais de ano da nova residencia construída ao anexo do inmoble orixinal, na que a Xunta investiu máis de 2,2 millóns de euros, incluído o custe do equipamento.
Esta ampliación permite duplicar o número de prazas residencias de 18 a 48, distribuídas en 24 habitacións dobres. Tamén fai posible que o primeiro inmoble se dedique integramente a usos de centro de día, o cal manterá as 30 prazas actuais, pero con máis espazo e comodidades para os seus usuarios.
 

Imaxes relacionadas