A Xunta impulsa unha formación en Castro Caldelas sobre a aplicación e a manipulación de produtos fitosanitarios

A acción formativa, organizada a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrarse a partir do vindeiro venres día 20

Contará cunha duración de 27 horas nas que os agricultores recibirán a formación adecuada para realizar tratamentos fitosanitarios nas súas explotacións sen emprego de persoal auxiliar

O curso tamén capacitará aos alumnos para obter o carné de aplicador de nivel básico, necesario para exercer esta actividade a nivel autonómico e estatal

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre aplicador e manipulador de fitosanitarios de nivel básico. A acción formativa ten previsto celebrarse na oficina agraria comarcal de Castro Caldelas a partir do vindeiro venres 20 ata o 30 de agosto en horario de 16:30 a 20:30 horas.
O curso está dirixido principalmente a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A acción formativa -que contará cunha duración de 27 horas - procurará en que os agricultores consigan unha formación adecuada para realizar tratamentos fitosanitarios nas súas explotacións sen emprego de persoal auxiliar e, á súa vez, en capacitalos para obter o carné de aplicador de nivel básico, necesario para exercer esta actividade a nivel autonómico e estatal.
Así, ao longo da súa programación non só se tratarán os distintos produtos fitosanitarios e os métodos de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación, senón tamén os riscos derivados do seu uso tanto para o medio ambiente como para as persoas, xunto cos equipamentos e EPIs (Equipos de Protección Individual) axeitados para o seu emprego. Así mesmo, trataranse cuestións como as pragas dos cultivos e as técnicas adecuadas para o seu control.
Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico bernardo.jose.marques.rodriguez@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 988 788 827 para máis información.
A Agacal ten como obxectivo mellorar a produtividade e a xeración de valor engadido no rural a través da organización de cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Deste xeito, búscase potenciar a remuda xeracional para consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.
Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.