Luis López fai un chamamento á participación masiva da veciñanza de Portas no cribado de detección da covid-19 para detectar asintomáticos e frear os contaxios

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, acompañado polo alcalde, Ricardo Martínez, acude á Fábrica Azucreira de Portas para supervisar estas probas, ás que están convocados os veciños de 14 a 39 anos

“Estamos a reducir a incidencia desta quinta onda e por iso seguimos realizando cribados en colaboración cos concellos, porque queremos acelerar o descenso”, sinala Luis López

Portas (Pontevedra), 13 de agosto de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, vén de facer un chamamento á “participación masiva” da veciñanza de Portas no cribado de detección da covid-19, organizado polo Sergas e que comezou a primeira hora da mañá co obxectivo de detectar casos asintomáticos e frear o incremento de contaxios que se está a producir nas dúas últimas semanas no marco da quinta onda.

“Estamos a reducir a incidencia desta nova onda de xeito xeral e por iso seguimos realizando cribados en colaboración cos concellos, porque queremos acelerar o descenso e, á par que se produce a vacinación, tentar volver á normalidade o antes posible”, sinalou o representante autonómico, que lembrou que o municipio superou a vintena de casos e que foi o Concello de Portas quen xestionou estas probas cos responsables da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

O delegado territorial asistiu este mediodía ao cribado de detección da covid-19 na Fábrica Azucreira xunto ao alcalde, Ricardo Martínez, para supervisar estas probas, que se prolongarán durante todo o día cunha convocatoria, a través de SMS personalizado, a todos os veciños de entre 14 e 39 anos de idade aos que se lle realizarán no formato PCR.

Todas as mostras tomadas con PCR en Portas, a cargo de dous equipos de enfermaría, procesaranse no servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e os resultados serán comunicados aos usuarios por SMS, sempre que o resultado sexa negativo. No caso de resultar positivo, esta notificación comunicarase de xeito individual a cada cidadán.

Imaxes relacionadas