A Tarxeta Básica, impulsada pola Xunta, leva beneficiado a máis de 55.000 persoas desde a súa posta en marcha hai menos dun ano

Estase a piques de superar as 40.000 tarxetas emitidas, cifra que se agarda acadar a vindeira semana

O Goberno galego prorrogou en xuño a vixencia desta tarxeta ata finais de 2021 e incrementou en cinco millóns de euros o seu orzamento ata chegar aos 31 millóns

O seu importe oscila entre os 150 euros e os 300 euros ao mes, dependendo do número de membros da unidade familiar
 

Santiago de Compostela, 13 de agosto 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe que se están a piques de superar as 40.000 Tarxetas Básicas emitidas, unha cifra que se espera acadar na vindeira semana. Fíxoo durante unha visita na Coruña á sede de Cruz Vermella, entidade encargada de xestionar e emitir este cartón, que desde a súa posta en marcha axudou a máis de 55.000 persoas na compra de produtos básicos de alimentación, hixiene e farmacia.

Hai pouco máis dun ano que se puxo en marcha esta tarxeta moedeiro, que a Xunta de Galicia acaba de ampliar logo da súa boa acollida. No mes de xuño o Goberno galego aprobou unha nova prórroga da vixencia desta Tarxeta ata finais de 2021 cun investimento adicional de cinco millóns de euros. Este incremento permite elevar a 31 millóns de euros o total de fondos que a Administración autonómica leva destinados a esta medida.

Cómpre recordar que o importe desta axuda depende do número de membros da unidade familiar. No caso dos fogares unipersoais a axuda é de 150 euros mensuais, para os fogares con dous membros é de 200 e para as familias con tres membros ou máis a axuda chega aos 300 euros mensuais.

En concreto, xa se levan emitidas 39.648 tarxetas. O maior número de beneficiarios atópase nas sete cidades galegas. Na Coruña téñense emitido máis de 5500 tarxetas; en Ourense, máis de 3100; en Vigo, 2200; en Lugo, 2100; en Santiago, 2000; en Ferrol, preto de 1500 e en Pontevedra, case 1200.

Axuda áxil, que non estigmatiza

Trátase dunha actuación pioneira que busca dar unha resposta áxil e urxente ás familias, xa que o seu período máximo de tramitación é de 72 horas desde que se solicita. O seu obxectivo é prestar apoio na compra de produtos básicos de alimentación, hixiene e farmacia.

Por outro lado, esta tarxeta representa unha actuación coordinada ao implicar na súa xestión á Xunta, aos servizos sociais municipais e ás entidades sociais como Cruz Vermella, encargada da súa tramitación. Ademais, non estigmatiza xa que ao ter forma de tarxeta de crédito que se recarga mes a mes, os seus usuarios non teñen que facer colas nin acudir a un establecemento específico para obter os produtos.
 

Imaxes relacionadas