A Xunta colabora en Sanxenxo coa empresa téxtil D-Due na posta en valor do produto local e o impulso á comercialización da Artesanía de Galicia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá a Summer Shop Artesanía de Galicia & D-Due, na que participan 36 obradoiros

Destacou que a artesanía supón unha actividade de presente e sobre todo de futuro, xa que a metade dos obradoiros que se rexistran en Galicia son de novos talentos

O Goberno galego destina máis de 5 millóns de euros á modernización e internacionalización do sector para adaptarse ás novas formas de promoción e venda
 

Sanxenxo (Pontevedra), 13 de agosto de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, achegouse esta mañá ata Sanxenxo para visitar a Summer Shop Artesanía de Galicia & D-Due, unha tenda +pop-up que permanecerá aberta ata o 31 de agosto todos os días da semana no Edificio Maruxía. A iniciativa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, actúa como escaparate para impulsar a comercialización do produto local e visibilizar dous sectores estratéxicos como son o téxtil e a artesanía, tal e como indicou Conde.

Ademais do apoio autonómico, a empresa de Rianxo D-Due é a outra gran impulsora deste evento estival. Unha firma á que o vicepresidente económico quixo recoñecer o traballo realizado desde hai máis de 20 anos da man de Charo Frolán e Alfredo Olmedo, sendo hoxe en día unha empresa téxtil de referencia en Galicia. Así, asegurou que constitúe todo un exemplo das posibilidades de crecemento dunha peme deste eido, xa que é quen de amosar cada ano as súas creacións en todo o mundo e manter unha importante presenza con tendas en países como Xapón, Italia, Francia ou Corea do Sur.

Na actualidade, a artesanía dá emprego a máis de 7800 persoas na Comunidade, constituíndo unha actividade de presente e sobre todo de futuro, xa que a metade dos obradoiros que se están a rexistrar nos últimos anos nacen da man de novos talentos. Neste contexto, o Goberno autonómico destina 5M€ para seguir apoiando o crecemento do sector e da marca Artesanía de Galicia a través da súa modernización e internacionalización para adaptarse ás novas formas de promoción e de venda.

Expositores

Na Summer Shop Artesanía de Galicia pódense atopar pezas de 36 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, especializados nunha vintena de oficios, como é o caso da olería, cerámica, estampaxe, cestería, madeira, elaboración de redes, tecido, coitelos, encaixe, xoiería tradicional, elaboración de zocos, traballo co coiro, elaboración de figuras con miga de pan (sanandresiños), papiroflexia, o oficio das colareiras, elaboración de complementos e traballo con feltro.

Entre os obradoiros que participan nesta iniciativa atópanse Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo); Alfarería Lista e Alfarería Rulo (Malpica de Bergantiños); Amorote (Ames); Antonio Suárez, Ojea Studio e Carlos San Claudio (Vigo); Arobe Cerámica, Artefíos, Branqueta, Pepe Otero Oleiro e Víctor Ares (A Coruña); Artesanía Armaior (Quiroga); Artesanía Ferradáns, Druída e Fernando Porto (A Estrada); Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada); Cerámica Unzueta (Brión); Concha Canoura (Culleredo); Cunqueiro (Palas de Rei); Degerónimo, Jatafarta, Mundaya, Sandra Vilas (Santiago de Compostela); e Eferro (Vila de Cruces).

Tamén poden verse as obras de Jorge Bellón (Cedeira), Lanalutum (Lugo); Laura Delgado (Cambre); Mayer Joyeros (Teo); Mimadriña (Fisterra); Montse Betanzos (O Grove); Obradoiro de Cerámica castrexa Castrolandín (Cuntis); Raposiñas (A Pobra do Caramiñal); Raquel García Hernández (Baiona); Rectoral de Gundivós (Sober); e Redeiras Illa da Estrela (Ponteceso).

 

Imaxes relacionadas