A Xunta adxudica por máis de 300.000 euros novas obras de saneamento e abastecemento en distintos lugares da parroquia de Larín, no concello de Arteixo

A intervención, que conta cun prazo de execución de 3 meses, permitirá a mellora dos sistemas dos servizos municipais entre os lugares de Mirón, A Chamusqueira, Capela de San Roque, O Campo da Pedra, A Fraga e O Anide

Esta actuación súmase ás xa rematadas e entregadas ao Concello nos núcleos Larín de Arriba, O Salto do Carro, A Groba de Abaixo, Areal, Pedroso e O Coque, que supuxeron un investimento autonómico de máis de 332.000 euros

O departamento que preside Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan prestar de xeito eficaz estes servizos de competencia local

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por máis de 300.000 euros as obras de mellora do sistema de saneamento e abastecemento entre os lugares de Mirón, A Chamusqueira, Capela de San Roque, O Campo da Pedra, A Fraga e O Anide.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a resolución da adxudicación deste contrato á empresa Proyecon Galicia, S.A., cun prazo de execución de 3 meses.

Actuarase na rede de saneamento destes núcleos, executándose dous tramos de colectores e unha estación de bombeo de auga residual (EBAR) coa súa impulsión. Para a implantación da rede de abastecemento nestes lugares construiranse 4 tramos de rede en tubaxe e substituirase un equipo de presión por un novo con maior potencia, contando tamén con dúas bombas cunha capacidade de 1,8 m3/ hora.

Esta intervención forma parte do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Arteixo e Augas de Galicia para a mellora dos servizos nas parroquias de Larín e Monteagudo. A Xunta xa entregou á entidade local as actuacións hidráulicas xa executadas para a mellora dos sistemas de saneamento e abastecemento nos núcleos de Larín de Arriba, O Salto do Carro, A Groba de Abaixo, Areal, Pedroso e O Coque, que supuxeron un investimento de máis de 332.000€.

O departamento que preside Ethel Vázquez vén prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan ofrecer de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.