O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Defensa do Monte mantiveron unha xuntanza telemática co alcalde desta localidade ourensá

A Xunta e o Concello de Vilar de Barrio reforzan a súa colaboración ao abeiro do convenio de protección das aldeas para anticiparse aos incendios forestais

Na reunión, tratouse a posibilidade de levar a cabo labores preventivos no monte veciñal de Rebordechau, tras as tarefas de helimulching realizadas o ano pasado en 10 hectáreas da Serra de San Mamede para rexenerar unha zona afectada polo lume

Nesa liña, o conselleiro lembrou que o acordo subscrito entre a Consellería do Medio Rural, a Fegamp e Seaga contempla medidas como o reforzo das actuacións preventivas mecanizadas nos municipios adheridos ou o apoio na xestión da biomasa

Así, recalcou que os consistorios poden realizar execucións subsidiarias nas franxas secundarias de ata un máximo de 10 ha por ano, así como solicitar a limpeza ao longo de vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por anualidade

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2021

A Xunta e o Concello de Vilar de Barrio veñen de reforzar a súa colaboración ao abeiro do convenio de protección das aldeas para avanzar na anticipación aos incendios forestais. Así, o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, mantiveron un encontro por videoconferencia co alcalde deste municipio ourensán, Manuel Conde, para repasar os mecanismos que pode empregar o consistorio por estar adherido ao acordo subscrito entre a Xunta, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga.

Deste xeito, na reunión tratouse a posibilidade de levar a cabo labores preventivos no monte veciñal de Rebordechau, afectado o ano pasado polo lume. Estes traballos sucederían ás tarefas de helimulching realizadas -en coordinación cos técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán- nunha área de 10 ha da Serra de San Mamede, que consistiron en lanzar dende un helicóptero -por tratarse dun lugar con forte pendente- unha cuberta vexetal que aplicada sobre o terreo contribúe a rexenerar a zona, freando a posible degradación do chan e reducindo a erosión e a escorrentía.

Nesa liña, o conselleiro lembrou que o convenio de protección das aldeas contempla medidas como o reforzo das actuacións preventivas mecanizadas nos 270 municipios adheridos ata o de agora ou o apoio aos consistorios na xestión da biomasa. Así, recalcou que os concellos poden realizar execucións subsidiarias nas franxas secundarias de ata un máximo de 10 ha por ano, así como solicitar a limpeza ao longo de vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por anualidade, entre outras vantaxes.

A maiores, no encontro falouse das posibilidades da aplicación Xesbío, o programa que permite aos concellos sumados ao convenio xestionar toda a tramitación administrativa da limpeza de franxas secundarias e comunicarse cos donos das parcelas que están dentro desas faixas. Esta aplicación posibilita xestionar e elaborar diferentes tipos de notificacións que os concellos lles envían aos titulares de parcelas nestas franxas e ofrece tamén a posibilidade de xerar un documento de adhesión dos particulares ao contrato de xestión da biomasa con Seaga.

Departamento:
C. do Medio Rural