A Xunta apoia a proposta cultural itinerante A paisaxe do Camiño de Inverno, que bota a andar hoxe en Monforte

Inclúe exposicións, un libro de fotografías e faladoiros en cinco concellos galegos, e recibe unha achega de 21.000 euros a través do programa O teu Xacobeo

Monforte de Lemos (Lugo), 13 de agosto de 2021

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo apoia a proposta cultural itinerante A paisaxe do Camiño de Inverno, que promove o fotógrafo Adolfo Enríquez e bota a andar hoxe no Parador de Monforte de Lemos.

A Xunta achega 21.000 euros a través do programa O teu Xacobeo a este proxecto que comprende, baixo un título común, un libro fotográfico, exposicións e faladoiros que se celebrarán tamén en Lalín, Quiroga, Rodeiro e A Rúa.

O libro é accesible de forma gratuíta na web do proxecto e recolle imaxes tomadas en distintos puntos da ruta polo propio Enríquez, un dos fotógrafos galegos con maior proxección nacional e internacional, que conta con sete premios nacionais LUX e dúas candidaturas aos Goya, entre outros recoñecementos.
Nos faladoiros intervirán, xunto ao autor, algunhas das persoas que colaboraron na iniciativa; esta tarde en Monforte participan José Taboada, presidente do Colexio Profesional de Xeógrafos de Galicia, e Aida Menéndez, presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra. Un encontro similar terá lugar o 19 de agosto en Quiroga.
No que respecta ás exposicións fotográficas, poderán visitarse en Monforte ata o 18 de agosto; en Lalín do 17 ao 24 de agosto; en Quiroga do 19 ao 26 de agosto; en Rodeiro do 24 ao 31; e na Rúa dende o 3 ao 10 de setembro.

Unha celebración ampla e diversa

O programa O teu Xacobeo suma centos de actividades que non só poñen en valor o contexto universal do Camiño neste Ano Santo bianual, senón que amosan toda a riqueza de Galicia, tanto material coma inmaterial.
No conxunto das dúas edicións da iniciativa, desenvolveranse máis de 400 propostas socioculturais nas que a Xunta de Galicia está a investir preto de 8 millóns de euros, co obxectivo de facer desta celebración do Xacobeo 2021-2022 a celebración máis viva, segura, integradora, ampla e diversa posible. Concretamente, en Lugo estanse a impulsar 96 proxectos que mobilizan más de 2 millóns de euros.