A Xunta adxudica a redacción do proxecto de humanización da travesía da estrada OU-312 en Lobios

Os traballos, adxudicados por máis de 18.000 €, terán un prazo de execución de 5 meses

Trátase de darlle a esta vía unha funcionalidade máis urbana, compatible co tráfico que rexistra, que se estima nunha media de 1.239 vehículos ao día

Proporanse as accións a desenvolver no treito comprendido entre os puntos quilométricos 1+100 e 1+700, como a renovación das beirarrúas, o arranxo dos muros da plataforma da vía e o tratamento, traslado ou substitución do arborado para evitar situacións de risco

A actuación súmase ás que se impulsan para a mellora da rede viaria autonómica na Baixa Limia, como a de mellora da travesía da OU-540 en Bande, ou o proxecto que se está a redactar na OU-540 entre Celanova e a fronteira con Portugal

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a redacción do proxecto de humanización da travesía da estrada autonómica OU-312, no concello de Lobios.

O contrato foi adxudicado á consultora IVR Ingeniería, S.L., por un investimento de máis de 18.000 euros, e conta con 5 meses de prazo para redactar o proxecto.

O obxectivo desta actuación é adecuar a travesía de Lobios a unha funcionalidade máis urbana, o cal é compatible co tráfico que rexistra, unha media de 1.239 vehículos/día en 2019.

O proxecto a desenvolver nesta vía, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 1+100 e 1+700, definirá o detalle das distintas accións propostas, entre elas: a renovación das beirarrúas para que cumpran a normativa de accesibilidade, o arranxo dos muros de sostemento de terras da plataforma da estrada; así como o tratamento, traslado ou substitución do arborado, para a mellora da visibilidade e evitar situacións de risco.

Na redacción do proxecto tratarase co Concello as posibles necesidades de incluír no mesmo algunha actuación sobre os servizos urbanos.

Esta actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez, súmase ás que se están impulsando para a mellora da rede autonómica de estradas na Baixa Limia.

Cómpre lembrar o recente convenio de colaboración asinado entre a Xunta, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Bande para executar as obras de mellora da seguridade viaria na travesía do municipio, que suporá un investimento de máis de 726.000 de euros.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez tamén está a redactar o proxecto para o acondicionamento e mellora da estrada autonómica OU-540, entre Celanova e a fronteira con Portugal, que suporá un investimento estimado de 11,5 millóns de euros.