A Xunta formará a unha quincena de persoas en Abegondo sobre a aplicación e a manipulación de produtos fitosanitarios

O curso, organizado a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), celebrarase a partir do vindeiro martes día 17

Impartirase de maneira presencial na aula de informática da casa do concello de Abegondo

Contará cunha duración de 27 horas nas que os agricultores recibirán a formación adecuada para realizar tratamentos fitosanitarios nas súas explotacións sen emprego de persoal auxiliar

A acción formativa tamén capacitará aos alumnos para obter o carné de aplicador de nivel básico, necesario para exercer esta actividade a nivel autonómico e estatal

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre aplicador e manipulador de fitosanitarios de nivel básico. Así, unha quincena de persoas formaranse nesta acción formativa que se desenvolverá a partir do vindeiro martes día 17 na aula de informática da casa do concello de Abegondo.
A acción formativa -que contará cunha duración de 27 horas - centrarase en que os agricultores consigan unha formación adecuada para realizar tratamentos fitosanitarios nas súas explotacións sen emprego de persoal auxiliar e, á súa vez, en capacitalos para obter o carné de aplicador de nivel básico, necesario para exercer esta actividade a nivel autonómico e estatal.
Así, os contidos da súa programación tratarán temas como os produtos fitosanitarios e os métodos de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación, así como os riscos derivados do seu uso tanto para o medio ambiente e para as persoas, xunto cos equipamentos e EPIs (Equipos de Protección Individual) axeitados para o seu emprego. Do mesmo xeito, trataranse cuestións como as pragas dos cultivos e as técnicas adecuadas para o seu control.
A Agacal ten como obxectivo mellorar a produtividade e a xeración de valor engadido no rural a través da organización de cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Deste xeito, búscase potenciar a remuda xeracional para consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.
Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.