A Xunta de Galicia solicitará a ratificación do requisito do certificado covid para a entrada na hostalería nos niveis máis altos de restricións

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia solicitará, ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a ratificación do requisito do certificado covid para a entrada na hostalería nos niveis máis altos de restricións. O Executivo galego considera que o máis procedente é solicitar, canto antes, dita autorización, para evitar calquera dúbida en relación coa vixencia e eficacia destes certificados e fomentar así a seguridade xurídica. A autorización poderá ser solicitada mañá pola mañá, para poder obter o criterio do TSXG de xeito inmediato.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao fío da decisión dunhas medidas cautelares presentadas contra a regulación sanitaria que esixe a presentación de certificados para o acceso ao interior de determinadas establecementos, e pese a desestimar a medida de suspensión solicitada, manifestou que, no seu criterio, a medida non podía ter efectos porque non fora sometida a autorización xudicial, dado que afecta a dereitos fundamentais.
Aínda que a Xunta entendeu que as medidas en cuestión non afectan a dereitos fundamentais, á vista do criterio posto de manifesto polo TSXG, o Executivo galego estima que o máis procedente é solicitar a autorización canto antes.
A Administración autonómica lembra que, en todo caso, o seu empeño é garantir o libre exercicio destas actividades económicas, compatibilizándoo coa maior seguridade sanitaria posible. Así mesmo, recorda que a esixencia deste certificado permitiu a apertura dos interiores da hostalería e restauración en situacións en que antes estaban pechados, así como do lecer nocturno, en circunstancias en que antes estaba suspendida. Por iso, enténdese que a esixencia de certificados é, en todo caso, unha medida alternativa menos gravosa ao peche destas actividades.
En particular, considérase que estas medidas se basean no artigo 38.1, “Medidas preventivas en materia de saúde pública”, da Lei de Saúde pública de Galicia, (redactado pola Lei 8/2021), que permite que ao obxecto de protexer a saúde pública, as autoridades sanitarias autonómicas poderán adoptar medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación. Estas medidas poderán consistir en: “Medidas de seguridade sanitaria e hixiene en determinados lugares e/ou para o desenvolvemento de actividades”. Así mesmo tamén ofrece base legal á medida o contido da letra k) deste artigo 38.1, ao permitir o establecemento polas autoridades sanitarias dunha obriga de “subministración de datos” necesarios para o control e contención de riscos para a saúde pública.

Departamento:
C. de Sanidade