O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Defensa do Monte mantiveron un encontro por videoconferencia co alcalde deste municipio ourensán

A Xunta e o Concello de Calvos de Randín reforzan a súa colaboración na defensa contra incendios forestais

Nesta xuntanza púxose en valor a cooperación no marco do acordo asinado entre ambas partes para a realización de traballos preventivos e de extinción, así como o feito de que este municipio estea adherido ao convenio de protección das aldeas

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2021

A Xunta e o Concello de Calvos de Randín reforzan a súa colaboración en materia de prevención e defensa fronte aos incendios forestais. Así, o conselleiro do Medio Rural, José González e o alcalde desta localidade ourensá, Aquilino Valencia, veñen de manter unha xuntanza telemática na que tamén participou o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

Neste encontro, os responsables da Consellería e o rexedor puxeron en valor a cooperación no marco do convenio asinado entre ambas partes para a realización de traballos preventivos e de extinción, a través do cal o concello participa no operativo antiincendios da Xunta.

Neste sentido, o conselleiro salientou a importancia da colaboración por parte dos concellos nestas tarefas, tendo en conta que son a administración máis próxima ao cidadán e máis “pegada ao terreo”. Tamén abordaron as facilidades que lles dá aos municipios galegos o convenio de protección das aldeas, asinado entre a Xunta, a Fegamp e Seaga, ao que está adherido Calvos de Randín.

Departamento:
C. do Medio Rural