A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantiveron un encontro de traballo co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado

Ethel Vázquez demanda axilidade no impulso do tren a Punta Langosteira para poder avanzar na recuperación da fachada marítima

Remarca que a conexión ferroviaria é a prioridade número un do Goberno galego e que o presidente da Xunta acadou xa o compromiso da súa execución do ex-ministro Ábalos

Agradece o esforzo da Autoridade Portuaria para axilizar os trámites que lle corresponden e pide ao Ministerio de Transportes a máxima dilixencia na licitación das obras para aproveitar os fondos europeos

Confirma a participación da Xunta na reunión convocada polo Porto para abordar a recuperación da fachada marítima e agarda “unha boa disposición ao acordo” por parte do Concello

Reitera a disposición e flexibilidade do Goberno galego para negociar as porcentaxes de participación na adquisición dos terreos coa fin de que o Porto teña un futuro competitivo e que a fachada sexa un espazo público ao servizo da cidade

Incide na necesidade de que o Goberno municipal procure o consenso político no Concello, xa que sería difícil de entender que se tente pechar un acordo coa Xunta sen ter pechado antes un acordo coa cidade

A Coruña, 12 de agosto de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, demandou hoxe ao Goberno de España axilidade no impulso do tren a Punta Langosteira para poder avanzar na recuperación da fachada marítima da Coruña.

Ethel Vázquez e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, mantiveron esta mañá un encontro de traballo co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, no que analizaron conxuntamente a situación e o futuro do Porto.

Ethel Vázquez remarcou que para a Xunta a conexión ferroviaria de Punta Langosteira é a prioridade número un en relación co Porto da Coruña, xa que sen esta infraestrutura, non se pode garantir a viabilidade da dársena, nin pode haber traslado de operadores nin se poden liberar os peiraos interiores para recuperar a fachada marítima.

Salientou que o presidente da Xunta conseguiu o pasado mes de marzo o compromiso expreso do ex-ministro Ábalos coa conexión ferroviaria de Punta Langosteira. Ese compromiso foi ratificado no mes de abril, cando o Ministerio de Transportes tamén confirmou o seu financiamento con cargo aos fondos europeos de reconstrución, como viña defendendo o Goberno galego, ademais da súa intención de licitar as obras no pasado mes de xullo algo que, segundo lembrou Ethel Vázquez, non se puido cumprir.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade instou ao Ministerio de Transportes a proceder coa máxima axilidade para licitar, canto antes, o tren a Langosteira e aproveitar a oportunidade que supoñen os fondos Next Generation para construír esta infraestrutura “imprescindible” para a cidade da Coruña.

Nesta liña, destacou a disposición do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña de traballar de forma intensa, en coordinación co resto dos organismos implicados, para que a conexión ferroviaria do porto exterior se materialice nos prazos establecidos polos fondos europeos. Agradeceu, concretamente, o esforzo que está a facer a Autoridade Portuaria para axilizar ao máximo os trámites que lle corresponden, iniciando, o pasado luns, o proceso de expropiación dos terreos necesarios para a execución do tren.

Ethel Vázquez confirmoulle ao presidente da Autoridade Portuaria a vontade da Xunta de asistir á xuntanza convocada por esta institución para abordar o acordo sobre a fachada marítima co Concello da Coruña.

Reiterou que a Xunta está aberta e disposta a negociar as porcentaxes concretas de participación na adquisición dos terreos portuarios desde unha postura de total flexibilidade, xa que o único que quere o Goberno galego é que o Porto da Coruña teña un futuro viable e competitivo e que a fachada marítima sexa un espazo público ao servizo da cidade.

Aquí, cómpre lembrar a necesidade de que o Goberno municipal da Coruña procure o consenso político no propio Concello sobre o futuro do Porto, xa que sería difícil de entender que se tente pechar un acordo coa Xunta sen ter pechado antes un acordo coa cidade.

A este respecto, Ethel Vázquez expresou a confianza en recibir tamén confirmación por parte do Concello da súa asistencia á xuntanza proposta pola Autoridade Portuaria e atopar “unha boa disposición ao acordo pola súa banda”.

Imaxes relacionadas