O conselleiro do Medio Rural participou en Pontevedra na presentación da Operación Centinela 2021

A Xunta pon en valor a cooperación coas Forzas Armadas na loita contra os incendios forestais

José González destacou que a colaboración entre o Ministerio de Defensa e o Goberno galego suporá o despregamento de 30 patrullas do Exército nos montes da nosa comunidade (tres máis que o ano anterior), con misión de vixilancia e disuasión

Salientou o traballo de persecución da actividade incendiaria que coordina a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e que permite mellorar tamén a conexión con xuíces e fiscais para anticiparse a estas actividades delituosas

Pontevedra, 12 de agosto de 2021

O conselleiro do Medio Rural enxalzou hoxe a cooperación das Forzas Armadas con Galicia na loita contra os incendios forestais, sobre todo durante a época estival. Fíxoo na presentación da Operación Centinela 2021, que supón o despregamento sobre o territorio de 30 patrullas do Exército con misión de vixilancia e disuasión fronte ao lume e que tivo lugar hoxe na base aérea do Campiño, en Pontevedra.

Nesta liña, o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, sinalou que este operativo “vén para intensificar a vixilancia e tamén para incidir na identificación dos incendiarios”, aportando ademais o beneficio de que a propia presenza dos militares sobre o terreo disuada deste tipo de prácticas delituosas.

Neste mesmo sentido, José González enmarcou a operación no convenio de colaboración subscrito entre o Ministerio de Defensa e a Xunta para estas tarefas, un acordo que -subliñou- “demostra un compromiso común e a necesaria suma de esforzos ante esta problemática”. Este compromiso, dixo, “é efectivo e vén sendo renovado dende hai máis de 20 anos”. Ademais, engadiu, “amosa que a implicación do Exército na protección dos nosos montes e na nosa propia seguridade é un feito polo que todo galego debe sentirse agradecido”.

Prevención e unidade de investigación

O conselleiro insistiu na necesidade de reforzar os labores de disuasión e vixilancia que -indicou- “é outra forma máis de facer prevención”. Neste contexto, salientou que máis do 70% do territorio galego está cuberto por cámaras que permiten “salvagardar, detectar e anticiparnos” ao lume. Así mesmo, destacou que xa son 12 os drons que a Xunta destina á loita contra os incendios.

Do mesmo modo, González puxo en valor o traballo de persecución da actividade incendiaria que coordina a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e tamén co Exército. Salientou ademais que o feito de desvincular a estes profesionais da extinción permite reforzar tamén a coordinación con xuíces e fiscais e mellorar e intensificar a detección das actividades delituosas a priori, buscando pillar in fraganti aos incendiarios.

A Operación Centinela suporá o despregamento nos montes galegos de 30 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil do Exército. En total, nesta campaña serán tres patrullas máis as que se incorporen a estas tarefas, mantendo o orzamento previsto en relación coa campaña anterior. O persoal do Exército súmase ao dispositivo de loita contra incendios, baixo o mando único da Xunta, que na tempada de alto risco acada os 7.000 efectivos despregados nos montes galegos.

Imaxes relacionadas