A Xunta executa obras de reforzo do firme no anel da glorieta da estrada autonómica OU-540 e nos catro ramais de acceso aos centros comerciais de Barbadás

Esta actuación completa as obras de acondicionamento e de mellora da mobilidade realizadas recentemente na glorieta situada no punto quilométrico 1+800

Está previsto que os traballos na capa de rodaxe da vía, que contan cun investimento de preto de 48.000 euros, rematen esta mesma semana

Tamén se reforza o firme dos ramais da glorieta da Valenzá que comunican coa rúa Marcelo Macías de Ourense, complementando o aglomerado realizado nesa rúa

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de reforzar a seguridade e mellorar as prestacións aos usuarios

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar traballos de reforzo do firme no anel da glorieta da estrada autonómica OU-540 e nos catros ramais de acceso aos centros comercias de Barbadás.

Esta actuación completa as obras de acondicionamento e de mellora da mobilidade executadas recentemente na glorieta situada no punto quilométrico 1+800 desta estrada autonómica, que presentaba un firme deteriorado e falta de accesibilidade nalgún punto dos percorridos peonís. A actuación supuxo un investimento da Xunta de arredor de 70.000 euros

A nova intervención na capa de rodaxe do firme da vía autonómica conta cun investimento de preto de 48.000 euros. As obras están a ser executadas a través dos medios de conservación de estradas da Xunta na provincia de Ourense e prevense rematar nesta mesma semana.

No marco destes traballos, os equipos de aglomerado desprazados á zona tamén procederon ao reforzo da capa de rodaxe do firme en dous ramais da glorieta da Valenzá, na mesma estrada OU-540, que comunican coa rúa Marcelo Macías de Ourense, complementando o recente aglomerado da citada rúa do concello de Ourense.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de reforzar a seguridade viaria e mellorar as prestacións aos usuarios.

Imaxes relacionadas