Política Social destaca no Valadouro o traballo dos profesionais das residencias de maiores para garantir a súa calidade de vida e un envellecemento activo

O Valadouro (Lugo), 11 de agosto de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado do xefe territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Vázquez Nodal, visitou esta mañá os usuarios da Residencia de Santa María do Valadouro. Alí, Acevedo subliñou a importancia do traballo dos profesionais realizado nestes centros dedicados á mellora da calidade de vida e da saúde das persoas que máis o precisan adaptándose as súas necesidades.
Durante a visita, o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria puido percorrer as instalacións da residencia e coñecer aos usuarios durante as actividades dun día de verán. Ademais, aproveitou a ocasión para acompañalos na hora de xantar. Este centro residencial, pertencente á Fundación San Rosendo, ofrece unha gran variedade de servizos aos residentes, como rehabilitación, enfermaría, atención psico-social, entre outros, que axudan aos nosos maiores a avanzar cara un envellecemento activo e saudable.