O Goberno central confirma á Xunta que só catro comunidades recibirán doses da partida extra de Pfizer e Galicia non está entre elas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acepta un axuste, pero reclama coñecer cales son os criterios de reparto

Así mesmo, pediu que o Consello teña un regulamento de funcionamento, xa que non existen actas das reunións nin documentos previos, polo que non hai unha constancia do que se fala e se comunica nestas xuntanzas

O titular da carteira de Sanidade destacou o interese dos galegos por vacunarse, tal e como se demostrou coa autocita da mocidade esta fin de semana

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2021

O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, pediu unha vez máis, no Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, transparencia para coñecer cal é o criterio que seguiu o Ministerio á hora de distribuír os 3,4 millóns de doses extra de Pfizer, xa que en ningún momento se explicou. “Que se elabore un documento que coñezan todas as CCAA para poder planificar e desenvolver a vacinación do xeito mais eficiente. Galicia é unha Comunidade solidaria, aceptamos, como non pode ser doutro xeito, un axuste, pero é necesaria transparencia”.

O máximo responsable sanitario da Xunta puntualizou que este axuste debe facerse tendo en conta o que se lle administrou á Comunidade Autónoma que máis doses recibíu, “que non foi Galicia”.

Comesaña destacou, ademais, que en Galicia hai un enorme interese por vacinarse. Puxo como exemplo o proceso de autocita aberto esta fin de semana para a mocidade entre 16 e 21 anos, que chegou a ter picos de 50.000 solicitudes ao minuto e 1,6 millóns en dúas horas, tendo todas as citas completas en poucas horas.

Xunto a esta reclamación, o máximo responsable sanitario da Xunta, remarcou a necesidade de que se cre un regulamento de funcionamento do Consello Interterritorial, para que se poidan trasladar os documentos importantes xa que, a día de hoxe, non hai actas das xuntanzas, nin tan sequera documentos previos.

Imaxes relacionadas