A conselleira do Mar visitou as instalacións de preengorde de moluscos que a empresa Venerupisgal ten no polígono bateeiro A Pobra do Caramiñal B

Galicia financia ata o 50% do investimento de preto dun cento de proxectos de melloras nas empresas de cultivos mariños

A Xunta destina máis de 4,7 millóns de euros en axudas a unhas iniciativas que superarán os 11 millóns de euros de investimento total co obxectivo de mellorar a produción, a eficiencia enerxética e o labor das firmas acuícolas

O Executivo galego tamén aprobou este ano seis proxectos de investigación de organismos científicos ou técnicos por importe de 900.000 euros para fomentar o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación no eido dos cultivos mariños

A titular de Mar lembra que tamén están en tramitación as achegas para compensar as perdas de ingresos nas que incorreu o sector en 2020 como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus e que contan cun orzamento de 3,5 millóns de euros

Rosa Quintana destaca que todos estes apoios buscan impulsar a produción do sector, mellorar as súas instalacións e aumentar a súa competitividade

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 11 de agosto de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe as instalacións de preengorde de moluscos que a empresa de cultivos mariños Venerupisgal ten no polígono bateeiro A Pobra do Caramiñal B para coñecer as melloras introducidas nestas infraestruturas ao abeiro das axudas concedidas pola Xunta de Galicia co obxectivo de impulsar a produción do sector. A titular de Mar salientou que o Executivo galego aprobou na convocatoria deste ano preto dun cento de proxectos por un importe global de axuda de algo máis de 4,7 millóns de euros e que estas actuacións implicarán un investimento total de máis de 11 millóns de euros pois a Administración galega subvenciona ata o 50% dos gastos nos que incorren as empresas.
Estes apoios, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), teñen como finalidade mellorar a produción, a eficiencia enerxética e o labor das empresas acuícolas e teñen como potenciais beneficiarios aos bateeiros, confrarías de pescadores e acuicultores que promovan unha actividade sustentable, titulares de establecementos de acuicultura situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima que teñan as súas instalacións na comunidade.
A conselleira do Mar, que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, explicou que a empresa Venerupisgal recibiu desde 2009 máis de 160.000 euros de axuda da Xunta en distintas convocatorias que lle permitiron mellorar as súas instalacións e equipamentos. A súa actividade, incidiu Rosa Quintana, céntrase no preengorde de especies como a ameixa babosa, fina e xaponesa, ostra plana e rizada ou vieira, algunhas delas fundamentais para as sementeiras que se realizan nos bancos marisqueiros da comunidade para a súa recuperación.
A titular de Mar lembrou que ademais desta liña de axudas a Xunta tamén aprobou seis proxectos de investigación de organismos científicos ou técnicos para fomentar o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no eido dos cultivos mariños, cun apoio de preto de 900.000 euros, e que está en tramitación a convocatoria de achegas para as empresas que rexistraron caídas de ingresos en 2020 como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus.
O Executivo galego destina a esta última medida un orzamento de 3,5 millóns de euros para compensar ata o 50% do descenso na facturación sufrido polas empresas acuícolas entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 sempre e cando sexa de polo menos un 20% en relación cos ingresos medios para o mesmo período nos tres anos anteriores -2017, 2018 e 2019-. O importe máximo de axuda por beneficiario é de 200.000 euros.
Todos estes apoios, salientou a titular de Mar, son fundamentais para impulsar o crecemento da actividade en Galicia e para garantir a competitividade das empresas. Por iso, engadiu, é fundamental investir de xeito constante na modernización das instalacións e na adquisición de novos equipamentos e tecnoloxía avanzada.

Venerupisgal

Esta empresa con sede en Boiro conta con dúas bateas e unha plataforma experimental no polígono da Pobra do Caramiñal B para o preengorde de ameixa babosa, fina e xaponesa, ostra plana e rizada e vieira acadando unha produción anual de 20 millóns de unidades para o conxunto de especies cultivadas. A axuda de preto de 22.000 euros que lle foi concedida no marco da convocatoria de achegas deste ano ten como obxectivo modernizar a embarcación auxiliar Venerupis mediante a instalación de distintos equipamentos tecnolóxicos novos como un radar ou unha sonda, entre outros.

Imaxes relacionadas