O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do Concello, Jorge Cubela, visitaron hoxe o centro

A Xunta financia melloras na escola infantil de Cotobade-Tenorio por 22.000 euros

Perfecto Rodríguez explicou que o obxectivo desta actuación “é que as familias e os seus nenos continúen desfrutando dunhas instalacións de calidade e en bon estado”

Levaranse a cabo tarefas de limpeza e pintado do inmoble, colocaranse novos pavimentos, revisarase a carpintería de aluminio e arranxarase a zona de xogos

O Concello encargarase da execución dos traballos, que financiará o Consorcio mediante a compensación das liquidacións que corresponden abonar á Administración local por este servizo público

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 11 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia financia obras de mellora e de mantemento na escola infantil de Cotobade-Tenorio por 22.000 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde do municipio pontevedrés, Jorge Cubela, visitou esta mañá o centro, pertencente á rede pública autonómica.
Perfecto Rodríguez explicou que estes traballos estarán listos en setembro, coincidindo co inicio do novo curso escolar, pois do que se trata “é de que as familias e os seus nenos continúen desfrutando dunhas instalacións de calidade e en bo estado”. Con este obxectivo, levaranse a cabo tarefas de limpeza e de pintado; colocaranse novos pavimentos e revisarase a carpintería de aluminio. Ademais, actuarase en espazos exteriores do centro, co cambio do céspede ou o arranxo da zona de xogos; e eliminarase a división física actual que hai entre a zona de sono e unha aula.
O xerente do Consorcio indicou que estas melloras foron postas en común coa comunidade educativa e contan coa supervisión dos servizos técnicos do Consorcio e municipais. A execución dos traballos correrá a cargo do Concello e serán financiados polo ente autonómico mediante a compensación das liquidacións que corresponden abonar á Administración local por este servizo público.

Mellora continua dos centros

As obras neste centro enmárcanse nas actuacións de mellora que se están a realizar durante este mes de agosto nas escolas infantís que dependen do Consorcio, aproveitando o período estival de vacacións.
Cerdedo-Cotobade conta con dúas escolas infantís da rede pública autonómica: Tenorio e Cerdedo. A primeira iniciará o curso con 43 matriculados e a segunda, con 15.

Imaxes relacionadas