A Policía Autonómica, en colaboración co Servizo de Gardacostas, comisa máis de 17 quilos de polbo nun dispositivo contra o furtivismo en Baiona

Foron identificadas dúas persoas que levaban nunha furgoneta 21 exemplares de polbo que non daban o talle nin levaban guía de acompañamento

Baiona (Pontevedra), 11 de agosto de 2021

Axentes da Policía Autonómica de Vigo, en colaboración co Servizo de Gardacostas de Galicia, comisaron 17,6 quilos de polbo nun dispositivo contra a práctica do furtivismo en Baiona no que foron identificadas dúas persoas.

O control levouse a cabo o luns 9 de agosto nas inmediacións do porto de Baiona, onde os axentes, que previamente estableceran un dispositivo de control, interceptaron unha furgoneta que levaba un capacho e medio de polbo coa súa correspondente guía de acompañamento. Porén, debaixo dos apeiros de pesca, atoparon dous capachos máis sen guía e con exemplares de talle inferior á legal.

O peso total da captura sen xustificar foi de 37,5 quilogramos; unha vez confeccionada a guía da captura que se axustaba ao tamaño legal, devolvéronse 19,9 quilos de polbo aos pescadores, mentres que os 17,6 restantes, de talla irregular e que se correspondían a 21 exemplares, foron comisados. Os axentes identificaron os dous ocupantes do vehículo e levantaron unha acta de presunta infracción da Lei de Pesca de Galicia.
 

Imaxes relacionadas