A Xunta convoca as probas para obter ou renovar o certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada ou ferrocarril

Os interesados deberán presentar a solicitude no prazo dun mes, a partir de mañá

Os exames terán lugar en outubro, publicando o Diario Oficial de Galicia a data e os horarios concretos coa antelación necesaria

Os exames incluirán distintas especialidades, para todas as clases ou segundo sexan en explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas ou líquidas, entre outras

A Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, exíxelles ás empresas de transportes de mercadorías perigosas a designación de conselleiros coa formación adecuada e o procedemento de avaliación correspondente

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das probas de obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril.

Os exames abranguerá distintas especialidades: para todas as clases ou segundo sexan materias e obxectos explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas e líquidas ou líquidas inflamables, detalladas na resolución.

As persoas que precisen dispor deste certificado ou renovalo deberán efectuar os exames correspondentes. No seguinte enlace ao DOG pódese acceder aos modelos de formularios que se deben presentar para concorrer ás probas: https://xurl.es/xw4g3 .

Estas solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes, a contar a partir de mañá. Os formularios achegaranse preferiblemente por vía electrónica a través da dirección https://sede.xunta.gal, pero tamén se poderán entregar nos rexistros establecidos.

Os exames terán lugar no vindeiro mes de outubro, publicando o DOG a data e os horarios concretos coa antelación necesaria, que será como mínimo de quince días naturais á data ou datas elixidas. Nesta publicación tamén se informará das medidas de seguridade dispostas por mor da covid- 19.

A proba que deben superar as persoas aspirantes na modalidade de obtención do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas constará de dous exercicios: o primeiro, consiste en responder 50 preguntas tipo test; o segundo céntrase en supostos sobre as tarefas do conselleiro, con referencia ao ámbito do modo do transporte e á especialidade correspondente. No caso das persoas aspirantes na modalidade de renovación do citado certificado, deberán responder a 50 preguntas tipo test.

Exixencia de certificado

Cómpre lembrar que a Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, exíxelles ás empresas destas materias respectar as regras en prevención, polo que deben designar conselleiros que posúan unha formación profesional adecuada.

Pola súa parte, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, regula a obriga destas empresas a designar conselleiros coa cualificación profesional exixida e o procedemento de avaliación da formación requirida.

Imaxes relacionadas