A Xunta convida a visitar a exposición Faraón. Rei de Exipto que pecha este domingo no Museo Centro Gaiás

Froito da colaboración entre a Fundación “La Caixa” e o Goberno galego, a mostra exhibe desde marzo obras únicas das coleccións do Antigo Exipto do British Museum

Rexistrou picos de visitantes de 3.000 persoas nun día, converténdose na máis concorrida do Museo Centro Gaiás desde a súa apertura

A Cidade da Cultura aplica un rigoroso control de capacidade permitida en sala, seguindo o protocolo de seguridade sanitaria marcado pola situación da covid-19
 

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2021

A exposición Faraón. Rei de Exipto pecha as súas portas este domingo 15 de agosto na Cidade da Cultura, onde continúa a congregar diariamente a centos de persoas visitantes para gozaren desta escolma de pezas procedentes das coleccións do British Museum, que poden verse no Gaiás froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación ”la Caixa” e o propio museo británico, no marco do Xacobeo 21-22.

A exposición, que achega por vez primeira a Galicia esta escolma de 140 pezas de arte exipcia con máis de 3.000 anos de historia, explora o simbolismo e o ideario da monarquía do país do Nilo, á vez que tenta desvelar as historias que se ocultan detrás dos obxectos e das imaxes que deixou como herdanza esta antiga civilización. Tras terse exposto en cidades como Madrid ou Barcelona, abriu as súas portas o pasado 27 de marzo no Museo Centro Gaiás e desde entón está a bater marcas de asistencia, con picos que superaron as 3.000 persoas visitantes diarias, coincidindo coa Semana Santa.

Durante últimos catro meses e medio, a Cidade da Cultura despregou un programa gratuíto de visitas comentadas, previa reserva, para os visitantes que o desexasen, ademais dun intenso programa didáctico con visitas a través de videoconferencia destinadas a alumnado de segundo e terceiro ciclo de primaria, ESO, Bacharelato e centros formativos. Tamén se organizou un variado programa de actividades ao redor dos contidos da exposición, con faladoiros sobre arqueoloxía, conferencias, visitas en liña e xincanas de enigmas en formato escape room destinadas a público familiar.

Información práctica

Faraón. Rei de Exipto pode visitarse con entrada de balde e sen necesidade de reserva previa, salvo para as visitas comentadas ¬–que nesta derradeira semana teñen xa todas as súas prazas cubertas–. Está aberta ao público ata o domingo con horario ininterrompido de 10 a 20 horas, ao igual que as outras dúas exposicións que actualmente acolle o Museo: Os brancos segredos do seu ventre e Galicia futura.

O acceso á exposición estase a realizar dun xeito ordenado e seguro, con redución da capacidade da sala e en cumprimento de todas as medidas sanitarias que require a situación actual. A Cidade da Cultura agradece a responsabilidade que están a demostrar as persoas que visitan o Museo, recomendando ademais achegarse a visitar a exposición evitando as tardes da fin de semana, tramos de maior afluencia de visitantes, e priorizando pola contra a primeira hora da mañá.
 

Imaxes relacionadas