A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, participaron na inauguración da actuación de mellora da mobilidade na avenida de Ourense

Ethel Vázquez sinala a reforma da avenida de Ourense de Marín como exemplo de bo uso dos fondos europeos e reclama un reparto xusto dos ‘Next Generation’ para seguir avanzando

Lamenta que o reparto de fondos de reconstrución establecido polo Goberno de España impida actuacións de mobilidade en concellos de menos de 50.000 habitantes, pese a que a Unión Europea reclama investimentos no rural

Lembra que a Xunta e máis de 100 concellos impulsan unha declaración institucional para acadar un maior equilibrio no reparto dos fondos de reconstrución

Subliña que o Goberno galego está comprometido cos obxectivos de crecemento verde e sostible que promulga a Unión Europea, como así o demostran os itinerarios peonís e ciclistas impulsados nos últimos anos a través do Plan de sendas de Galicia

Remarca a aposta da Xunta polo transporte público, coa renovación de todas as liñas de transporte interurbano da comunidade e coa extensión a toda Galicia da tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan de balde no autobús da Xunta

Sinala que desde o 21 de maio, os 1.350 mozos de Marín que dispoñen deste dispositivo poden viaxar de balde polos 313 concellos en calquera das 3.300 liñas de autobús renovadas da Xunta

Marín (Pontevedra), 10 de agosto de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sinalou hoxe a reforma da Avenida de Ourense de Marín como un exemplo de bo uso dos fondos europeos e reclamou un reparto xusto dos recursos comunitarios do programa Next Generation para continuar avanzando.

Ethel Vázquez participou, xunto coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, na inauguración da actuación de mellora da mobilidade na avenida de Ourense, que levou a cabo o Concello no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Marín 2020.

A titular de Infraestruturas lembrou que as condicións establecidas polo Goberno de España para o reparto destes fondos de mobilidade fan imposible que se poidan acometer actuacións en concellos de menos de 50.000 habitantes, a pesar de que a propia Unión Europea pide investimentos no rural e nos municipios máis pequenos. Isto, na práctica, supón que o 98% dos municipios galegos quedan fóra do reparto e destes investimentos, como é o caso de Marín.


Lembrou que, co obxectivo de que o Goberno de España mude os criterios e acadar un maior equilibrio no reparto deses fondos, a Xunta e máis de 100 concellos galegos, entre eles Marín, impulsan unha declaración institucional baixo o lema ‘Por un rural forte e conectado’.

A titular de Infraestruturas da Xunta subliñou que os Next Generation son unha “magnífica oportunidade” para seguir impulsando actuacións a prol dunha mobilidade verde e sustentable e infraestruturas que vertebren o territorio, e lembrou que tanto a Xunta como o Concello de Marín están comprometidos cos obxectivos que promulga a Unión Europea do crecemento verde e sostible.

Puxo como exemplo a reforma integral da avenida de Ourense levada a cabo polo Concello de Marín con fondos europeos FEDER, que supuxo a ampliación de beirarrúas, a construción dun carril bici para lograr unha convivencia máis segura e harmónica entre vehículos, peóns e ciclistas, ou a renovación da iluminación con tecnoloxía led, máis eficiente e sustentable.

Referiuse, ademais, aos itinerarios peonís e ciclistas nas estradas autonómicas que vén impulsando a Xunta nos últimos anos no marco do Plan de sendas de Galicia co obxectivo de dotar aos veciños dos distintos concellos de infraestruturas para os seus desprazamentos cotiás máis cómodas, seguras e sostibles.

Detallou que no concello de Marín o Goberno galego executou a senda que une Vilaseca e Lapamán, tamén o itinerario entre Coirados e Pardavila e que neste segundo semestre do ano se licitarán as obras da senda que lle dá continuidade, entre Pardavila e Cadro, que permitirá poñer á disposición dos veciños un itinerario continuo de 3 quilómetros pola estrada autonómica PO-313. Ademais, está en execución a senda na PO-551 entre Bagüín e Seixo, que estará finalizada a comezos de ano.

Ethel Vázquez subliñou a aposta, sen precedentes, da Xunta polo transporte público, coa renovación e modernización de todo o transporte interurbano de Galicia para ofrecerlle máis e mellore servizos aos cidadáns, dispoñendo hoxe a Comunidade de 3.300 liñas de autobús interurbano renovadas que chegan a lugares a onde antes non chegaban.

Remarcou que o Goberno galego puxo en marcha unha medida “revolucionaria e pioneira”: a gratuidade do autobús interurbano para os menores de 21 anos. Lembrou que desde xuño do pasado ano os mozos de Marín e de 13 concellos da área de Pontevedra xa podían viaxar de balde no autobús da Xunta, pero desde o 21 de maio, coa extensión da tarxeta Xente Nova a toda Galicia, os 1.350 mozos de Marín que dispoñen deste dispositivo poden viaxar de balde polos 313 concellos en calquera das 3.300 liñas renovadas da Xunta.

Imaxes relacionadas