Ames e Brión contarán cunha nova edición do obradoiro de emprego Renov tras a ampliación do crédito nun 50% da convocatoria destes programas

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe, nunha visita que realizou ao Concello de Ames, que a Xunta está a traballar para estender a convocatoria dos obradoiros duais de emprego ás empresas galegas

Puxo en valor o Programa Integrado de Emprego que desenvolven Ames e Brión con financiamento autonómico, no que se están a formar 100 mulleres nos sectores socio sanitario, comercial e de atención ao público e ocio e tempo libre, entre outros

Lorenzana destacou que para o Goberno galego é unha prioridade a formación para o emprego para mellorar as oportunidades laborais dos galegos e galegos, polo que este ano destinada a este ámbito 152 millóns de euros

Avanzou que a Xunta continuará apoiando a Ames este ano coa axuda para a contratación do orientador laboral

Ames (A Coruña), 10 de agosto de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe nunha visita institucional que desenvolveu a Ames que este Concello, xunto co do Brión, contarán con financiamento autonómico para desenvolver unha nova edición -a cuarta- do obradoiro dual de emprego Renov Ames Brión, que permitirá que 20 alumnos e alumnas podan formarse en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas.

Esta actuación será posible despois de que a Consellería de Emprego e Igualdade decidira ampliar en preto dun 50% o orzamento da convocatoria deste ano destinada aos obradoiros duais de emprego. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará esta ampliación nos próximos días, polo que a Administración autonómica investirá finalmente nestes programas 34,2 millóns de euros para cubrir o 100% das solicitudes, o que posibilitará que 1.900 galegos e galegas conten cunha formación axustada ás demandas do tecido produtivo e o acceso a un contrato de traballo.

A conselleira avanzou, así mesmo, que a Xunta está a traballar para estender a convocatoria de axudas dos obradoiros de emprego ás empresas galegas, xa que indicou que a formación para o emprego é unha prioridade para o Goberno galego, un ámbito ao que destina este ano 152 millóns de euros. Neste eido, Lorenzana lembrou que Galicia contará cunha Axenda galega de capacidades para o emprego con accións novidosas acordes aos tempos actuais para consolidar “un mercado de traballo forte e de calidade” que albergue oportunidades laborais para todos os galegos e galegas.

Programas integrados

Lorenzana visitou, ademais do Concello de Ames, a Unidade de Acción Formativa, na que se impartiron entre 2019 e 2021 un total de 8 certificados de profesionalidade; e o Centro de Formación e Emprego, onde se desenvolve, entre outros, o programa integrado de emprego Ames-Brión, no que se están a formar 100 mulleres nos sectores socio sanitario, comercial e de atención ao público, ocio e tempo libre, turismo, limpeza, hostalería e manexo de maquinaria, así como en novas tencoloxías e idiomas, técnicas de busca de emprego, marca persoal, comunicación, habilidades sociais, intelixencia emocional e emprendemento.

Sobre os programas integrados de emprego, a conselleira de Emprego e Igualdade indicou que a Xunta incrementou este ano o orzamento da convocatoria ata os 10 millóns de euros, un 20% máis que en 2020, para poder incrementar as oportunidades laborais de 4.000 persoas sen emprego na procura de traballo e na adquisición de habilidades que lles permitan axustar o seu perfil ás necesidades do mercado laboral. O prazo de solicitude para acceder ás axudas para a realización dos programas integrados aínda está aberto, rematando o próximo 23 de agosto.

Lorenzana puxo en valor que este programas potencian a atención de colectivos especialmente vulnerables como son, entre outros, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, menores de 30 e maiores de 45 anos. Esta orde de axudas, ademais, reserva dous millóns de euros para realizar programas dirixidos en exclusiva ás mulleres desempregadas, como o que está a levar a cabo Ames.

En Ames, ademais, desenvólvese na actualidade o obradoiro de emprego ForestAmes Brión, que rematará a finais de setembro. A formación para o emprego que a Xunta financia con preto de 350.000 euros céntrase na obtención de certificados de profesionalidade nas áreas de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.

Por último, para rematar, a conselleira avanzou, ademais, que o Concello de Ames resultou beneficiario da axuda para a contratación dun técnico de orientación laboral para 2021. Así, resaltou “a estreita colaboración administrativa” entre a Xunta e o Concello de Ames para poñer en marcha programas de emprego que revertan de xeito positivo nas persoas que están buscando unha oportunidade laboral.

Imaxes relacionadas