O decreto recolle os novos descontos do 100% na viaxe de volta nas autoestradas autonómicas A Coruña-Carballo e do Val Miñor que beneficiarán a 27.000 familias numerosas

O DOG publica a bonificación ás familias numerosas nas autoestradas da Xunta que entran en vigor mañá

As familias en posesión dun título de familia numerosa en vigor poden cubrir desde o pasado día 6 de agosto o impreso de solicitude de alta na páxina web www.autoestradas.com para beneficiarse das bonificacións

O mesmo vehículo deberá ser obxecto do pagamento do traxecto de ida e volta nun prazo máximo de 24 horas desde o abono da ida, empregando o sistema de telepeaxe

Os descontos son acumulativos, polo que as familias numerosas poderán engadirlle tamén a bonificación do 50% que xa se aplica entre as 12 da noite e as 6 da madrugada

As autoestradas da Xunta, que xa son das máis baratas de España, estenderán ás 24 horas posteriores á viaxe de ida o desconto do 25% na volta, e do 50% na segunda volta, aos usuarios recorrentes, que ata agora se aplicaba ás viaxes realizadas no mesmo día

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a bonificación do 100% na viaxe de volta ás familias numerosas nas autoestradas da Xunta A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57), que serán efectivas desde mañá.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica o decreto autorizado polo Consello da Xunta do pasado día 29 de xullo cos novos descontos nas autoestradas autonómicas encamiñados a que as familias numerosas e os usuarios recorrentes diminúan o seu gasto en peaxes. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/uzvyp

Así, por unha banda, bonificarase o 100% da viaxe de volta ás familias numerosas nas estradas que conectan A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona. Unha medida que a Xunta estima beneficiará a preto de 27.000 familias que hai en Galicia e bonificará máis de 80.000 viaxes ao ano. Estas bonificacións serán compatibles con outros descontos xa en vigor como a rebaixa do 50% en horario nocturno, que se activou en 2019.

Por outra banda, estenderase ás 24 horas posteriores da viaxe de ida o desconto do 25% na volta e do 50% na segunda volta para usuarios recorrentes co obxectivo de favorecer especialmente a aqueles galegos e galegas que acceden a servizos públicos ou a colectivos específicos cuxas quendas se estenden máis alá desas 24 h.

Descontos das peaxes para as familias numerosas

Cómpre lembrar que as familias en posesión dun título de familia numerosa en vigor xa poden cubrir desde o pasado día 6 de agosto o impreso de solicitude de alta no apartado da páxina web da sociedade concesionaria: www.autoestradas.com, para beneficiarse das bonificacións.

Os novos descontos permitirán que unha familia que se desprace desde A Coruña ata Carballo pola AG-55 pague só 2,55 €, fronte aos 5,10 € actuais, dado que a volta está bonificada ao 100% e lle sairá gratis. No caso dunha familia que realice o itinerario entre Vigo e Baiona, só terá que abonar 1,70 €, fronte ao importe ordinario de 3,40 € de ida e volta, ao acollerse á bonificación por familia numerosa.

As bonificacións son acumulativas, polo que as familias numerosas poderán engadirlle a esta bonificación os descontos do 50% en horario nocturno. Así, por exemplo, unha familia que se desprace ás 5:30 horas da madrugada para acudir ao traballo e regrese ás 17:00 horas, poderá optar á bonificación do 50% da ida por horario nocturno e do 100% da volta.

Para beneficiarse destes descontos, é necesario que o mesmo vehículo sexa obxecto do pagamento do traxecto de ida e volta nun prazo máximo de 24 horas desde o abono da viaxe de ida. O coche deberá utilizar como método de pagamento un sistema de peaxe dinámico ou telepeaxe, con OBE.

O sistema vinculará cada familia a un dispositivo de telepeaxe e a un vehículo para aplicar a bonificación correspondente. Cada familia numerosa poderá asociar un dispositivo de telepeaxe, que poderán ser dous nos casos de familias de categoría especial ou integrada por pais divorciados.

A activación desta nova bonificación leva aparellada a implantación de 70 cámaras e o software necesario para a identificación e lectura da matrícula asociada á familia.

Extensión do desconto para usuarios recorrentes

Por outra parte, tamén entrará en vigor a ampliación do actual desconto do 25% da volta, e do 50% na segunda volta, aos usuarios recorrentes ata as 24 horas posteriores á realización da viaxe de ida.

Con esta modificación, esténdese ás 24 horas despois do traxecto de ida o desconto do 25% da viaxe de volta, e do 50% na segunda viaxe de volta, reforzando así o actual período de bonificación que establecía ata agora que a volta debía realizarse no mesmo día natural que a ida, favorecendo especialmente ás persoas que se desprazan polas autoestradas de titularidade autonómica para acceder aos servizos públicos ou acceder ao seu lugar de traballo, como o caso dos sanitarios.

As autoestradas de titularidade autonómica xa son das máis baratas de España e nelas vénse aplicando desde o ano 2010 nos días hábiles unha rebaixa do 25% do importe da viaxe de volta dun traxecto de ida e volta, que se incrementa nun 50% na segunda e posteriores viaxes de volta en ambas as dúas autoestradas co uso do Vía-T.

Estes incentivos súmanse á bonificación do 50% da peaxe en horario nocturno, que se aplica desde o 1 de outubro de 2019. Este desconto está dispoñible para todo tipo de vehículos de luns a domingo, entre as 12 da noite e as 6 da madrugada.

Imaxes relacionadas