A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-840 entre Porzomillos e Oza, no concello de Oza-Cesuras

As intervencións, cun investimento autonómico de 454.000 euros, consistirán na construción dunha nova senda peonil e ciclista e na reordenación dunha intersección

O itinerario acometerase na marxe dereita da AC-840, coincidindo o seu inicio co núcleo rural de Porzomillos e finalizando antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos

Reformarase a intersección que conecta a AC-840 coa vía que vai a Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña para reforzar a seguridade neste punto
 

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-840, entre Porzomillos e Oza, no Concello de Oza-Cesuras.
As intervencións, que suporán un investimento autonómico de preto de 454.000 euros, consistirán na construción dunha nova senda peonil e ciclista e na reordenación dunha intersección.

As obras realizaranse de xeito coordinado e simultáneo para facilitar os movementos seguros dos usuarios máis vulnerables da estrada, ao tempo que se reforzará a seguridade viaria na contorna.

Por unha parte, a Xunta, atendendo á solicitude do Concello, construirá unha senda peonil e ciclista na marxe dereita da AC-840, cara a Oza, entre os puntos quilométricos 5+444 e 6+826,50, coincidindo o seu inicio co núcleo rural de Porzomillos e finalizando antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos.

O itinerario, de preto de 1,4 quilómetros, acometerase aproveitando parte da beiravía existente, coincidindo na súa maior parte coa planta e rasante da estrada, pero separada desta por unha gabia de seguridade. Na zona onde non leve gabia, a senda elevarase 10 centímetros con respecto á plataforma rodada e separarase da mesma por un bordo de formigón.

Por outra parte, o proxecto inclúe a reforma da intersección da AC-840, no punto quilométrico 6+000.

Trátase da reordenación da intersección que conecta esta estrada autonómica coa vía que comunica cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña, e o seu obxectivo é mellorar a seguridade viaria neste punto.

Esta intersección sitúase nun punto intermedio do itinerario da senda e prevese actuar coa disposición de novos carrís de aceleración e deceleración, de 3,50 metros de ancho, así como dous carrís centrais de espera de 3 metros de ancho, que permiten todos os xiros á esquerda. Para a execución destes carrís é necesaria a ampliación da calzada.
 

Imaxes relacionadas