A Xunta somete a información pública o proxecto da nova senda na estrada AC-305, que conectará A Casilla, O Araño e Burés, no concello de Rianxo

O prazo para presentar alegacións estenderase dende mañá ata o 21 de setembro

Esta actuación, que suporá un investimento de preto de 400.000 euros, consistirá na construción dunha senda peonil pola marxe dereita da estrada AC-305

A Xunta prevé licitar as obras a finais de 2021 ou principios de 2022 para a súa execución en 2022

O itinerario consta dun primeiro treito con inicio en Burés e fin nos Xens e un segundo que comeza en Contrés e finaliza no lugar da Casilla
 

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción da senda na estrada AC-305, no treito A Casilla-O Araño-Burés, en Rianxo.

Esta actuación, que suporá un investimento de preto de 400.000 euros, consistirá na construción dunha senda peonil pola marxe dereita da estrada AC-305. O financiamento das actuacións previsiblemente poida ser executado con cargo aos fondos REACT-EU.
O período de presentación de alegacións estenderase dende mañá ata o vindeiro 21 de setembro. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: http://xurl.es/4shx7
A Xunta prevé licitar as obras a finais de 2021 ou principios de 2022 para a súa execución en 2022.

O itinerario desenvolverase en dous tramos, o primeiro entre os puntos quilométricos 9+960 e 10+760, partindo de Burés, dando continuidade á beirarrúa existente, e finalizando no lugar dos Xens e conectando a nova senda coa xa existente. O segundo tramo, entre os puntos 12+510 e 13+020, comeza en Contrés e finaliza no lugar da Casilla.
Nesta contorna xa existen sendas ou beirarrúas, pero entre Burés e Os Xens e entre Contrés e A Casilla, aínda existindo vivendas contiguas á estrada, non hai espazo para o tránsito peonil seguro.


Neste sentido, a senda favorecerá os desprazamentos peonís, un mellor acceso ás paradas de transporte público e a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro.