A Xunta aproba o Plan especial de Infraestruturas dos Blancos que permite a construción dun centro de persoas maiores

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informou favorablemente, un mes antes de rematar o prazo, este proxecto de ordenación co que se define unha parcela de case 3.000 m2

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2021.-

A Xunta acaba de informar a aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas dos Blancos que permite a construción dun centro de persoas maiores no municipio.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda emitiu de forma áxil, un mes antes de rematar o prazo, o informe favorable a este expediente, promovido pola Administración local para conseguir unha parcela de case 3.000 m2 na que se asentará un equipamento de uso sanitario-asistencial que quere construír o Concello.

Deste xeito, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en base á aplicación das determinacións do Plan Básico Autonómico -pois Os Blancos está a tramitar o seu Plan xeral de ordenación municipal-, dá o visto e prace á agrupación de dúas parcelas de 1.930 m2 e outra de 874 m2, nas que se localizará este centro de atención ás persoas maiores.

Cómpre recordar que para a tramitación do mesmo foi necesario solicitar informes sectoriais de distintos departamentos da administración autonómica e central, así como sometelo a información pública e aprobalo polo pleno municipal.