O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Defensa do Monte reuníronse hoxe no Pazo de Quián cos integrantes deste equipo

A Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) coordinará coas forzas e corpos de seguridade do Estado o labor investigador sobre os lumes no terreo

José González destacou as vantaxes que ofrece a UIFO para mellorar os labores de investigación, grazas á súa desvinculación das tarefas de extinción

Así, os integrantes da unidade poderán focalizar o seu labor nas zonas máis afectadas, reforzar a persecución dos incendiarios e mellorar a formación especializada e o coñecemento das causas e motivacións dos lumes

O conselleiro puxo en valor as innovacións tecnolóxicas na loita contra os incendios, pero advertiu que sempre, detrás dela, “é necesaria a intelixencia humana” como a que aportan os membros desta unidade

Boqueixón (A Coruña), 9 de agosto de 2021

A nova Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) creada pola Xunta coordinará coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado o labor investigador sobre os lumes no terreo na nosa comunidade autónoma. Así o anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, antes de reunirse no Pazo de Quián, en Boqueixón, cos integrantes desta unidade especial de investigación, unha xuntanza na que tamén participou o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez e representantes do Exército.
O conselleiro explicou que a UIFO é unha unidade formada por 15 membros da escala de axentes ambientais, con dependencia directa do director xeral de Defensa do Monte e que están desvinculados das tarefas de extinción, polo que poderán centrarse especificamente “e con maior intensidade” na investigación dos lumes. Tamén, grazas a esa dedicación en exclusiva, a UIFO poderá “focalizar o seu labor naquelas zonas do territorio máis afectadas en períodos de alto risco ou en situación de alta actividade incendiaria”, remarcou González.
Neste mesmo sentido, o conselleiro puxo tamén en valor “a coordinación e colaboración desta unidade coas Forzas e Corpos de seguridade do Estado, tanto coa Policía Autonómica e Nacional como coa Garda Civil e mesmo co Exército”. Ademais, González advertiu aos incendiarios que “temos moitos ollos enriba deles” e nesta liña lembrou que “as cámaras de vixilancia abranguen xa o 70% do territorio galego”. En todo caso, engadiu, “ao final sempre é necesaria a intelixencia humana” que representa esta unidade, cuxos membros -resaltou- son “os que de verdade están sobre o terreo e os que máis saben na loita contra os incendiarios”.

Especialización e formación

Ademais, outras vantaxes destacadas polo conselleiro teñen que ver coa especialización deste persoal tanto no propio traballo sobre o terreo como na tramitación administrativa e xudicial dos procedementos, así como a posibilidade de deseñar e impartir unha formación especializada en materia de investigación sobre incendios forestais.
O estudo e seguimento das parroquias que rexistren unha alta actividade incendiaria, o incremento do número de detencións de presuntos incendiarios ou a mellora no coñecemento das causas e motivacións dos lumes son outras das consecuencias positivas que traerá a posta en marcha da UIFO, segundo salientou José González.
Nesta liña, o conselleiro trasladou tamén que este encontro de hoxe cos membros da UIFO ten como finalidade avanzar na planificación do que resta de campaña de incendios. Por último, José González insistiu en que, independentemente das condicións meteorolóxicas, a Xunta segue a traballar para loitar contra os incendios tanto no eido da extinción -cando toque- como nos da prevención, a investigación e a disuasión, así como perseguindo e illando os incendiarios.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural