A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade incrementa o investimento destinado a estas axudas que ascenderá a un total de 900.000 euros

A Xunta amplía en 250.000 € o crédito para a concesión de axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos

O prazo de presentación de solicitudes continúa aberto nos mesmos termos establecidos na orde de convocatoria destes incentivos

As subvencións son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 para coches de emisións cero e 10.000 para os adaptados á mobilidade reducida

A Xunta concedeu no último ano 224 axudas ao sector do taxi para a adquisición destes tipos de vehículos, cun investimento total de case 1,15 M€
 

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde pola que se amplía en 250.000 euros o crédito para a concesión de axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos.

Unha vez efectuada esta ampliación, co incremento de 250.000 euros no investimento, o importe total destas axudas ascenderá a 900.000 euros.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: http://xurl.es/j5bxn
Cómpre lembrar que o prazo de presentación de solicitudes continúa aberto nos mesmos termos establecidos na orde de convocatoria destes incentivos.

As subvencións son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.

A Xunta xa concedeu no último ano un total de 224 axudas ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida e de baixas ou cero emisións, cun investimento total de case 1,15 millóns de euros.

Destes incentivos beneficiáronse as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade.

A Xunta suma máis de 3 M€ en incentivos ao sector nos últimos 5 anos, para a modernización da súa flota, tendo en conta a convocatoria correspondente ao ano 2021, que está actualmente aberta.

Estas medidas teñen como obxectivos incrementar a competitividade deste sector do que dependen case 4.000 familias galegas, pero tamén de facilitarlle a vida ás persoas con mobilidade reducida e contribuír ao medio ambiente, fomentando unha mobilidade menos contaminante.
 

Imaxes relacionadas