A Xunta formará a máis dunha trintena de persoas en Monforte de Lemos sobre aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios

As accións formativas, que están organizadas a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), celebraranse a partir do vindeiro luns 16

Unha delas impartirase de maneira presencial na sede do Consello Regulador Ribeira Sacra e a outra, organizada polo CFEA de Monforte de Lemos, será maioritariamente online

Ambas contarán cunha duración de 27 horas nas que os agricultores recibirán a formación adecuada para realizar tratamentos fitosanitarios nas súas explotacións sen emprego de persoal auxiliar

Os cursos tamén capacitarán aos alumnos para obter o carné de aplicador de nivel básico, necesario para exercer esta actividade a nivel autonómico e estatal
 

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dous cursos sobre aplicador e manipulador de fitosanitarios de nivel básico. Así, máis dunha trintena de persoas formaranse nestas accións formativas.

Ambas desenvolveranse a partir do vindeiro luns 16, impartíndose unha delas de maneira presencial na sede do Consello Regulador Ribeira Sacra e a outra, organizada polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos, será maioritariamente online.

Os cursos están dirixidos principalmente a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

As accións formativas -que contarán cunha duración de 27 horas - centraranse en que os agricultores consigan unha formación adecuada para realizar tratamentos fitosanitarios nas súas explotacións sen emprego de persoal auxiliar e, á súa vez, en capacitalos para obter o carné de aplicador de nivel básico, necesario para exercer esta actividade a nivel autonómico e estatal.

Así, ao longo dos 14 módulos da súa programación non só se tratarán os distintos produtos fitosanitarios e os métodos de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación, senón tamén os riscos derivados do seu uso tanto para o medio ambiente como para as persoas, xunto cos equipamentos e EPIs (Equipos de Protección Individual) axeitados para o seu emprego. Así mesmo, trataranse cuestións como as pragas dos cultivos e as técnicas adecuadas para o seu control.

A Agacal ten como obxectivo mellorar a produtividade e a xeración de valor engadido no rural a través da organización de cursos coma estes, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Deste xeito, búscase potenciar a remuda xeracional para consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.