Preto de 2.000 apicultores galegos benefícianse este ano das axudas da Xunta por valor duns 1,3 millóns de euros

Estas achegas teñen como obxectivo mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura

Contemplan ata seis liñas de subvencións, das que se beneficiaron asociacións e particulares que contan cun total de case 170.962 colmeas
 

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural vén de comunicarlle aos beneficiarios a resolución das axudas para mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura. Así, aprobáronse un total de 24 expedientes que benefician a 1.961 apicultores de Galicia - entre solicitudes particulares e integrados nas asociacións-, pola totalidade do crédito disposto nesta liña de achegas e que se elevou aos 1.299.209,90 euros.

Así, as axudas diríxense tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. A convocatoria fíxose en réxime de concorrencia competitiva, establecendo así unha serie de criterios obxectivos contemplados na normativa nacional reguladora para puntuar as solicitudes, definíndose o contido das diferentes liñas en colaboración co sector. Os beneficiarios deste ano contan cun total de 170.962 colmeas no territorio galego.

Neste sentido, déuselle prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións, a pertenza á IXP Mel de Galicia ou a adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. Tamén foi obxecto de valoración o feito de que as explotacións solicitantes ostentasen titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estivesen en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.

Estas achegas teñen como obxectivo mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura. Así, dispoñían de seis liñas de subvención diferentes: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a racionalización da transhumancia, para medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para apoiar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado.
 

Imaxes relacionadas