A Xunta organiza un curso sobre prevención de ataques de lobo á gandaría en Castro Caldelas

A acción formativa ten previsto impartirse na Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Castro Caldelas dende o 16 ata o 18 de agosto en horario de 9:00 a 14:00 horas

Na programación, que contará cunha duración de 15 horas, combinaranse clases teóricas con outras actividades prácticas

O obxectivo principal deste curso é abordar a situación do lobo en Galicia, amosando os métodos de prevención máis eficaces, así como dar a coñecer os auxilios que se poden empregar para o financiamento do seu establecemento
 

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre prevención de ataques de lobo á gandaría. A acción formativa ten previsto impartirse na Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Castro Caldelas dende o 16 ata o 18 de agosto en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Ao longo das 15 horas de duración desta acción formativa, instruirase os alumnos en conceptos como a situación actual do lobo en Galicia, na bioloxía e ecoloxía destes animais ou nos métodos de prevención a empregar. Ademais, farase unha demostración do uso de distintos dispositivos como o peche electrificado e os pastores eléctricos e visitaranse explotacións da zona para analizalas in situ e establecer pautas e propostas personalizas.

Deste xeito, o obxectivo principal deste curso é abordar a situación do lobo en Galicia, amosando os métodos de prevención máis eficaces, así como dar a coñecer os auxilios que se poden empregar para o financiamento do seu establecemento.
Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico bernardo.jose.marques.rodriguez@xunta.es. Tamén poden chamar ao número 988 788 827 para máis información.

A través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, a Agacal pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrario e forestal, tanto a nivel técnico como económico, mediante a oferta de cursos coma este.
Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.