A Xunta apoia a internacionalización das galerías de arte e da cultura galega con axudas de ata 4.000€

O Diario Oficial de Galicia publica a orde pola que se establecen as bases desta subvención para colaborar cos profesionais das galerías de arte

O prazo para presentar solicitudes rematará o vindeiro 3 de setembro

Santiago de Compostela, 8 de agosto do 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde pola que se establecen as bases para apoiar ás galerías de arte na súa participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade galega. Trátase dunha medida que se enmarca no Plan de reactivación para o sector cultural posto en marcha pola Xunta de Galicia e que este ano conta cunha achega de 50.000€ para colaborar cos profesionais que estean interesados a participar ao longo deste ano en este tipo de eventos.

Así, por terceiro ano consecutivo, o Goberno autonómico convoca unha liña de subvencións específica para este tipo de proxección, o que amosa o apoio a arte contemporánea a través do traballo das galerías de arte. Deste xeito, tal e como recolle o DOG, no caso de que a asistencia sexa a feiras celebradas en España, pero fóra de Galicia, os beneficiarios recibirán un máximo de 2.000 euros, mentres que a axuda será de 4.000€ se se trata de eventos internacionais.

O prazo para presentar solicitudes rematará o vindeiro 3 de setembro e poderán ser beneficiarias da subvención as persoas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais de carácter privado, titulares de galerías de arte, que desenvolvan as súas actividades en Galicia, que teñan asistido e participado nunha feira ou mercado de arte fóra da Comunidade entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro.

Sector fundamental

As galerías de arte constitúen un sector fundamental e contribúen a promover e difundir novos valores artísticos, tanto no resto de España como no estranxeiro máis alá da súa actividade comercial. Co obxectivo de propiciar a asistencia destes profesionais a eventos internacionais, o Goberno galego decidiu incluír estas axudas no Plan de reactivación para o sector cultural, que conta con distintas liñas de apoio e programas para as artes plásticas.

Imaxes relacionadas