A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda para os traballos de control da biomasa nas marxes das estradas de titularidade da Xunta, cun investimento de preto de 1,5 M€

A Xunta comezará a vindeira semana novos traballos de limpeza nas marxes de estradas autonómicas das provincias da Coruña, de Lugo e de Pontevedra

Este luns iniciaranse novos traballos nas marxes da vía Mosqueiros (AP-53)- Santa Lucía (N-525), en Santiago; na estrada LU-172, en Muras; e na Variante de Marín, entre Lourizán e Ardán

Tamén continuarán as limpezas na vía de altas prestacións CG.2.1, en Monforte de Lemos; e na estrada OU-801, entre Ribadavia e Ponte Barxas

Estas actuacións contribúen a eliminar especies que incrementan o risco de lume e melloran a seguridade viaria, ao evitar a caída de árbores e reforzar a visibilidade

A Xunta leva investidos, desde o ano 2018, 6,8 M€ nestas tarefas de control da biomasa nas estradas autonómicas, realizadas a través da empresa pública Seaga

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2021

A Xunta comeza a vindeira semana novas tarefas de limpeza nas marxes de estradas autonómicas das provincias da Coruña, de Lugo e de Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, á que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

No marco destas actuacións, este luns iniciaranse novos traballos de conservación nas marxes da estrada Mosqueiros (AP-53)- Santa Lucía (N-525), en Santiago de Compostela; na estrada LU-172, en Muras; e na Variante de Marín, entre Lourizán e Ardán.

Ademais continuarán os traballos na vía de altas prestacións CG.2.1, en Monforte de Lemos; e na estrada OU-801, entre Ribadavia e Ponte Barxas.

Os traballos realizados no marco deste contrato, renovado coa empresa pública Seaga para os vindeiros 12 meses, completan os que se veñen realizando ao longo do ano polo servizos ordinarios de conservación de estradas da Xunta. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.

Este contrato tamén posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.

A Xunta intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas autonómicas, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga. Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.

Imaxes relacionadas