A Xunta anima á mocidade a peregrinar a Santiago e descubrir a riqueza espiritual do Camiño e do Xacobeo

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe ao acto de presentación de actividades da Peregrinación Europea da Xuventude que se celebrará en 2022 e no que están chamados a participar milleiros de mozos

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, animou hoxe aos mozos a peregrinar a Santiago e descubrir os valores espirituais do Camiño durante este Xacobeo 21-22. Así o indicou esta mañá no acto de presentación das actividades da Peregrinación Europea da Xuventude, que presidiu o arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio.

Esta peregrinación, que se adiou debido á pandemia do coronavirus, está prevista para agosto de 2022 coa chegada a Compostela de milleiros de mozos -xa hai máis de 8.000 inscritos actualmente e prevese duplicar a cifra- a través das distintas rutas xacobeas.

Alfonso Rueda lembrou que estes mozos e tódolos peregrinos que están a chegar xa a Santiago poden vivir o Camiño como unha experiencia segura e atopar en Galicia un destino seguro no que descubrirán natureza e espazos abertos tan demandados no escenario postpandemia, así como coñecer o patrimonio, a cultura e a gastronomía da comunidade.

Deste xeito, incidiu en que o Camiño tamén ofrece todo isto e, ademais, supón unha meta espiritual para moitas persoas que o percorren e permite poñer en valor aspectos como a xenerosidade, a espiritualidade, o voluntariado e a hospitalidade. Por iso, aproveitou para agradecer a implicación desinteresada de voluntarios e hospitaleiros que difunden estes valores entre os peregrinos que realizan o Camiño neste Ano Santo Dobre.

Imaxes relacionadas