Román Rodríguez salienta a calidade artística e afectiva das pezas que exhibe o Museo do Xoguete, en Lalín

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade acompañou ao alcalde José Crespo na inauguración deste novo proxecto museístico que pode visitarse no Pazo de Liñares

Lalín (Pontevedra), 7 de agosto de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañou hoxe ao alcalde de Lalín, José Crespo, na inauguración do Museo do Xoguete, no Pazo de Liñares, nun acto no que tamén interveu Antonio Chaves, como principal donante das máis de 1.000 pezas expostas ao público no Pazo de Liñares.

Na súa intervención, o titular de Cultura do Goberno galego destacou a “calidade artística e afectiva” desta colección a través da cal se traza “a crónica emocional de toda unha xeración”. “Trátase -engadiu- dun tesouro patrimonial material e inmaterial que non só exhibe un activo traballo de preservación, senón que permite reforzar a narrativa identitaria de Galicia a través da infancia de centos de galegos ao longo dos tempos”. Román Rodríguez subliñou tamén a diversidade e a riqueza das pezas que o integran e que compoñen “unha perfecta cápsula do tempo”. Neste senso, agradeceu a xenerosidade do coleccionista, escritor e pintor Antonio Chaves que, xunto coa vontade do Concello de Lalín, fixeron posible que este proxecto saíra adiante.

Este novo centro museístico vén a reforzar a ampla rede de Museos de Galicia, que engloba preto de 70 centros por todo o territorio galego, tres deles en Lalín. Nel exhíbense máis dun milleiro do xoguetes moi variados, algúns deles creados en Galicia, outros de Portugal, pezas premiadas pola súa excelencia e mesmo algunhas con 2000 anos de historia.

Imaxes relacionadas