Os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e de Maiores e Persoas con Discapacidade asistiron hoxe ao concurso hípico que se celebra en Ferrol

A Xunta pon en valor o gando equino como xerador de riqueza en Galicia e resalta a aposta de Equiocio polas actividades adaptadas ás persoas con discapacidade

José Balseiros destacou a importancia histórica dun sector que soubo adaptarse ao seu tempo, evolucionando dende un papel inicial de forza de traballo e transporte cara unha orientación noutros ámbitos empresariais, entre eles o deporte

Fernando González Abeijón puxo en valor, ademais do alto nivel das probas equinas, a programación deste evento baseada no ocio familiar e adaptada ás persoas con discapacidade

Ferrol, 7 de agosto de 2021

A Xunta salienta o papel “destacado” que segue tendo o gando equino en Galicia, como xerador de riqueza cultural, turística, económica e social para o rural da nosa comunidade. Así o puxo en valor hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, na súa intervención no concurso hípico Equiocio, que se desenvolve en Ferrol.

O director xeral sinalou que o equino é un dos sectores gandeiros con máis importancia histórica en Galicia e que soubo adaptarse ao seu tempo, evolucionando dende un papel inicial de forza de traballo e transporte cara unha orientación noutros ámbitos empresariais, segundo as demandas sociais do mercado. Así, foi cobrando maior peso a súa vinculación con eidos coma o turismo rural, as actividades terapéuticas ou o deporte (carreiras, concursos de saltos e outras prácticas).

Neste contexto, José Balseiros valorou tamén a tradición acumulada por Equiocio nos seus 30 anos de traxectoria, “como un espazo onde se desenvolven múltiples disciplinas sociais, deportivas e industriais relacionadas co mundo ecuestre”, remarcou.

Control da biomasa

Por outra banda, o director xeral destacou tamén a incidencia positiva que ten este gando no control da acumulación de biomasa nos montes e, polo tanto, a súa contribución activa á anticipación dos incendios forestais, un obxectivo no que tamén conflúe a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Esta norma -trasladou Balseiros- persegue precisamente reactivar o territorio rural galego para dedicalo ao que sempre se fixo: o cultivo de horta e froitas ou o pastoreo do gando e concretamente do cabalar, entre outras finalidades.

Nesta liña, o director xeral indicou que Galicia é, despois de Andalucía (que ten tres veces o noso territorio) a comunidade española con máis explotacións equinas (segundo datos do ano 2020), con algo máis de 19.000, o que representa o 10% do total nacional. Por último, Balseiros reiterou o compromiso da Xunta a prol deste sector, consciente do seu valor e do retorno económico e social que supón.

Programación para persoas con discapacidade

Pola súa banda, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou tamén Equiocio e puxo en valor, ademais do alto nivel das probas equinas, a programación deste evento baseada no ocio familiar e adaptada ás persoas con discapacidade.

Fernando González subliñou a ampla gama de actividades que atesoura Equiocio, que aínda que xira arredor do cabalo ten unha perfecta combinación de deporte, ocio, cultura e turismo grazas a outras iniciativas.