A Xunta amplía en preto de 5 millóns de euros as axudas que permitirán 112 novas actuacións de saneamento e abastecemento en 87 concellos

Esta ampliación do crédito da orde de axudas permitirá financiar 60 proxectos de abastecemento e 52 no eido do saneamento e a depuración

O Goberno galego destina un total de preto de 9 M€ para apoiar 217 actuacións en 152 municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes e garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local

A Xunta xa outorgou nunha primeira quenda 105 axudas a 83 concellos para executar obras de abastecemento, saneamento e depuración, cun investimento de 4 M€

Os incentivos acadan un máximo de 50.000 € por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación, polo que hai concellos que recibiron as dúas axudas, tanto para intervencións en materia de abastecemento, como de depuración

As axudas, compatibles con outros incentivos, subvencionan investimentos realizados desde o 1 de xaneiro na execución de obras e os gastos asociados a elas

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2021

A Xunta amplía en preto de 5 millóns de euros as axudas que permitirán financiar 112 novas actuacións de saneamento, abastecemento e depuración en 87 concellos galegos.

Esta ampliación do crédito da orde de axudas permitirá financiar, concretamente, 60 subvencións para actuacións de abastecemento e 52 para proxectos no eido do saneamento.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa outorgou nunha primeira quenda 105 axudas a 83 concellos para executar obras de abastecemento, saneamento e depuración, cun investimento global que rolda os 4 millóns de euros.

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, destina nestas dúas quendas preto de 9 millóns de euros para apoiar 217 actuacións en 152 municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes e garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.

Cómpre lembrar que das axudas xa concedidas na primeira quenda, un total de 53 foron outorgadas ás propostas das entidades locais vinculadas á execución de obras necesarias para o funcionamento óptimo dos sistemas de abastecemento municipal. O resto das axudas, 52, van destinadas ás iniciativas presentadas polos municipios para actuar na modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes, así como á construción de novas infraestruturas.

O límite máximo das axudas é de 50.000 euros por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación. Os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

Estes incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

A Xunta segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios máis pequenos de Galicia.

Esta actuación da Xunta conta co financiamento do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Imaxes relacionadas