A Xunta apoia a contratación de 102 persoas para realizar tarefas de I+D+i en empresas e organismos de investigación por importe de 1,2 millóns de euros

O DOG publicou a resolución da convocatoria do programa Principia, que ofrece axudas de 10.000 euros e un bono de formación de 1000 euros á contratación de persoal de ata 35 anos por parte de empresas e organismos de investigación

O seu obxectivo é reter e captar talento cara a Galicia e seguir impulsando o emprego cualificado e de calidade, ao tempo que se apoia a carreira profesional das persoas beneficiarias

Esta iniciativa, que forma parte do programa Talento 2021, permitiu a incorporación de 644 profesionais cualificados a través das súas seis edicións
 

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da convocatoria de 2021 do programa Principia a través do que a Xunta destina preto de 1,2M€ á contratación de 102 persoas en empresas e organismos de investigación. Impúlsase así a contratación de persoal mozo no sector público e privado favorecendo o desenvolvemento da súa carreira profesional e contribuíndo á captación e retención de talento en Galicia.

O programa outorga axudas de 10.000 euros por contrato, que se estende durante un período mínimo dun ano. O 88% dos beneficiarios desenvolverán as súas funcións en actividades de I+D+i en empresas mentres que o 12% restante incorporarase a organismos de investigación (universidades, centros tecnolóxicos, etc.). Respecto das empresas, o 53% son pequenas ou medianas empresas, o 41% son microempresas e o 6% restante, grandes compañías. A meirande parte destas contratacións lévanse a cabo por parte de empresas de diversos sectores que apostan pola innovación, das que o 32% están acreditadas como tecnolóxicas.

Con este programa refórzase a importancia de dispoñer de persoal dedicado en exclusiva á innovación para lograr a transformación empresarial. De feito o 73,5% das contratacións apoiadas son de carácter indefinido. Ademais, contribúe á formación aplicada ao ámbito empresarial, xa que 76 persoas das 102 recibirán formación específica que a empresa pode definir segundo as súas necesidades. O 71% destas formacións estarán bonificadas cun bono de formación de 1.000 euros.

 

Principia enmárcase no programa Talento 2021, impulsado pola Xunta de Galicia co obxectivo de xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i. En total, a través das seis edicións desta iniciativa pioneira lanzada en 2016, permitiuse a contratación de 644 profesionais de ata 35 anos en actividades de I+D+i. En moitos casos, supón unha primeira oportunidade para a mocidade que queira acceder a un posto de traballo cualificado no ámbito da innovación, como demostra o feito de que o 41% dos novos contratados carecen de experiencia laboral previa.

Esta convocatoria compleméntase con outras actuacións como o programa Oportunius que, desde a súa posta en marcha, axudou a realizar cinco contratos a gañadores de axudas do ERC; o programa Talento Sénior, que leva permitido a contratación de 36 profesionais de alta cualificación cunha traxectoria profesional de máis de cinco anos en tres edicións; ou o programa Ignicia, que favoreceu a creación ou o mantemento de máis de 120 empregos cualificados a través do apoio a proxectos de investigación con potencial de chegar ao mercado.
 

Imaxes relacionadas