O conselleiro do Medio Rural participou hoxe na Gala da lamprea, vinculada con este evento declarado de Interese Turístico Nacional desde o ano 2016

A Xunta aposta por vincular os viños galegos con eventos recoñecidos como a Festa da lamprea de Arbo para consolidalos nos diferentes mercados

José González destacou algunhas das medidas da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que avoga por vencellar os nosos viños e o enoturismo coa gastronomía e con eventos de interese

O conselleiro tamén se referiu á Lei de recuperación da terra agraria, ao abeiro da cal a denominación de orixe Rías Baixas solicitou mobilizar máis de 2.200 hectáreas para implementar polígonos de viñedo

Así mesmo, aludiu á futura Lei da calidade alimentaria, que mellorará a regulación dos produtos alimentarios galegos con distintivo de calidade -tanto os procedentes do agro como os do mar- para reforzar a súa posta en valor

Arbo (Pontevedra), 6 de agosto de 2021

A Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, implementada pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega, aposta por vincular os viños galegos e o enoturismo coa gastronomía ou con eventos recoñecidos para consolidar o sector nos diferentes mercados. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa participación na Gala da lamprea de Arbo, onde puxo este evento como exemplo de elemento dinamizador do territorio -aliado do sector primario- que contribúe a vencellar o viño de calidade coa contorna na que se produce.

Poñendo de relevo que a Festa da lamprea está declarada de Interese Turístico Nacional dende o ano 2016, o conselleiro enxalzou o valor de citas coma esta que chegou xa á súa edición número 61 non só para homenaxear o que é o peixe máis antigo do mundo, neste caso, senón tamén para degustalo con viños de denominación de orixe como os de Rías Baixas.

Nesa liña, José González referiuse tamén á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirá aumentar o potencial desta DOP despois de que solicitase mobilizar máis de 2.200 hectáreas para implementar polígonos de viñedo. Deste xeito, no marco da Estratexia para impulsar o sector vitivinícola, dixo, desenvolverase un Programa específico de recuperación de superficies abandonadas e reestruturación parcelaria pensado para aumentar a rendibilidade tanto das explotacións como das adegas en comarcas como a da Paradanta.

Por último, o titular de Medio Rural aludiu á futura Lei da calidade alimentaria que actualizará a normativa actual de 2005 mellorando, integrando e potenciando a regulación dos produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade -tanto os do agro como os do mar- para reforzar a súa posta en valor. Sen deixar de aludir á calidade, aproveitou a ocasión para felicitar ao “Arbense Distinguido” deste ano e aos demais premiados nesta Gala da lamprea 2021.

Imaxes relacionadas