O Diario Oficial de Galicia publica a orde que aproba o baremo ordinario das áreas III e IV da carreira profesional do Sergas

Estamos ante un instrumento de avaliación progresivo e flexible, que permitirá aos profesionais progresar de forma individualizada e que se adaptará aos obxectivos da organización

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a Orde pola que se aproba o baremo na parte correspondente ás Áreas III e IV, aplicable no procedemento ordinario de carreira profesional do persoal do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas a este organismo.

Este baremo, que será aplicable nas vindeiras convocatorias para o acceso aos sucesivos graos dos diversos colectivos profesionais, é o resultado dun minucioso traballo e o reflexo dun gran esforzo colectivo de consenso. A longa negociación que se iniciou no ano 2018 no ámbito da Comisión de seguimento de carreira e que quedou suspendida por mor da pandemia, rematou coa publicación deste baremo que incorpora a maior parte das alegacións presentadas polas organizacións sindicais asinantes do Acordo de carreira así como as achegas dos diferentes departamentos da consellería e das entidades adscritas.

O baremo concreta as actividades que serán valoradas en cada caso, os indicadores que resultan precisos para a avaliación e as puntuacións que serán asignadas. Estamos ante un instrumento de avaliación progresivo e flexible, que permitirá aos profesionais progresar de forma individualizada e que se adaptará aos obxectivos da organización e tamén aos cambios que sexa necesario implementar como consecuencia das circunstancias que sobreveñan.

No contexto marcado pola situación de emerxencia sanitaria derivada da covid foi preciso adaptar o baremo recollendo novos parámetros que valoren o esforzo realizado polos profesionais nestas difíciles circunstancias.

O baremo é unha ferramenta de mellora para os profesionais e permite orientar o seu traballo mellorando as súas capacidades e competencias.

Tal e como prevé o Acordo sobre as bases da carreira profesional no ámbito do Sergas e entidades adscritas á consellería e ao dito organismo, publicado no DOG Núm.144, luns 30 de xullo de 2028, o baremo ordinario, divídese en 4 grandes Áreas e supón un importante cambio respecto ao baremo que se aplicou no réxime extraordinario e excepcional de encadramento do ano 2018 e na última convocatoria do ano 2020.

A Área I. Actividade asistencial/profesional valora a actividade, o rendemento eficiente e eficaz, a calidade e a praxe correcta dos profesionais, así como a mellora e actualización de procesos e métodos de traballo.

A Área II. Competencias asistenciais/profesionais. Avalía os coñecementos, as habilidades e actitudes que deben estar presentes en cada posto de traballo e que son necesarios para que o profesional desempe axeitadamente o seu traballo.

A Área III. Formación, Docencia, Investigación e Innovación, recolle as actividades de formación académica, continuada e transversal que serán avaliadas en términos semellantes aos previstos non baremos dos procesos de provisión de prazas, así como outras actividades formativas relacionadas cos obxectivos estratéxicos da organización. Tamén valora a docencia en actividades de formación continuada, a publicación de traballos científicos e de investigación, a participación en proxectos, grupos de investigación e de innovación entre outros.

E na Área IV. Implicación e Compromiso coa Organización valóranse todas aquelas actividades indicativas do compromiso do profesional coa organización, como poden ser a participación nos programas de vacinación e en cribados covid así como a prestación de servizos durante a situación de emerxencia sanitaria.

No Diario Oficial de Galicia de hoxe, publícase a parte do baremo correspondente ás Áreas III e IV, para que os profesionais, con anterioridade suficiente á futuras convocatorias, poidan coñecer a formación deben adquirir e as prácticas que poden realizar para seguir avanzando no seu desenvolvemento profesional. A Dirección Xeral de Recursos Humanos tamén ten previsto elaborar nun horizonte próximo os mapas de competencias necesarios para avaliar Área II e definir os indicadores de actividade que sexan facilmente medibles e comprobables para valorar a Área I.

En todo caso, o baremo que se acaba de publicar, axustarase para atender ás situacións nas que o persoal non desempeñe de modo efectivo a profesión ou funcións que correspondan ao seu nomeamento, e poderá modularse en atención ás características asistenciais e/ou organizativas das diversas institucións, centros, servizos ou unidades, quedando sempre aberta á posibilidade de incorporar novos indicadores que sexan obxectivables e que se poidan acreditar.

Imaxes relacionadas