A Xunta adxudica por máis de 6 M€ a redacción dos proxectos do novo CHUAC

O contrato adxudicado, para a redacción dos documentos técnicos e da tramitación urbanística e ambiental, posibilitará a posta en marcha das próximas fases do novo CHUAC, que suporá un investimento global da Xunta de máis de 431 M€

Trátase da elaboración do proxecto urbanístico e ambiental, da redacción dos proxectos básicos e de execución, do proxecto de construción de viario e accesos e dos proxectos de demolición e na dirección, control e vixilancia das obras

Dobrarase a superficie construída ata os 225.000 m², cun incremento do 108% de salas e postos de urxencias, do 50% de consultas e postos de observación de urxencias e cun 15% máis de camas dispoñibles e un 50% de habitacións individuais

Habilitaranse novas zonas de aparcadoiro, 30.000 m² e 2.600 prazas ordenadas e seguras, e executaranse as vías necesarias para dotar o complexo hospitalario público dos accesos axeitados

O obxectivo é blindar o futuro da sanidade pública na área da Coruña desenvolvendo unha infraestrutura hospitalaria de vangarda que ofreza máis espazos, máis comodidade, mellora da accesibilidade e novos servizo

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2021

A Xunta adxudicou por máis de 6 millóns de euros a redacción dos documentos técnicos e a tramitación urbanística e ambiental que permitirán iniciar as obras das seguintes fases do novo Hospital Público da Coruña
.
O contrato, que foi adxudicado á UTE PINEARQ, Vázquez Muíño, Monteoliva, posibilitará a posta en marcha das próximas fases do novo CHUAC, que suporá un investimento global da Xunta de máis de 431 millóns de euros.

Trátase da elaboración do proxecto urbanístico e ambiental, da redacción dos anteproxectos e dos proxectos básicos e de execución, do proxecto de construción de viario e accesos, dos proxectos de demolición e na dirección, control e vixilancia das obras nas súas distintas fases.

O Novo CHUAC é a maior infraestrutura sanitaria que vai acometer a Xunta nesta lexislatura. Así, dobrarase a superficie construída, ata acadar os 225.000 metros cadrados de superficie. Isto supón o incremento do 108% de salas e postos de urxencias, o incremento do 50% de consultas e postos de observación de Urxencias e cun 15% máis de camas dispoñibles e un 50% de habitacións individuais.

Habilitaranse novas zonas de aparcadoiro á disposición dos traballadores e usuarios, 30.000 metros cadrados e 2.600 prazas, ordenadas e seguras, das cales se reservarán o 3% para persoas con discapacidade.

O proxecto inclúe a reordenación e execución das vías necesarias para dotar o complexo hospitalario público da Coruña dos accesos axeitados. Esta reordenación viaria terá, ademais, unha importante funcionalidade para a cidade, na medida en que dará servizo ao barrio de Eirís e á futura Cidade das TIC.

Este contrato tamén prevé que se deseñen os proxectos técnicos de tal forma que sexa posible poñer en funcionamento por fases diferentes unidades de obra, de xeito que se poida ir mellorando e ampliando servizos o antes posible.

Nos proxectos terase especialmente en conta a integración paisaxística, para que o Novo CHUAC sexa unha referencia arquitectónica na cidade, así como outros aspectos como a eficiencia enerxética, a depuración de augas para paliar a concentración de medicamentos, a accesibilidade, a funcionalidade da asistencia sanitaria e os materiais e subministro de proximidade ou de “quilómetro 0”.

Fases

Así, nunha primeira fase dos traballos, para a que se prevé un prazo de 24 meses, está previsto levar a cabo a tramitación ambiental e tamén a tramitación urbanística. Tamén se procederá á redacción dos proxectos de execución, levaranse a cabo as actuacións previas preparatorias, as obras de demolición comezando, previsiblemente, pola demolición do hotel de pacientes, e activaranse as fases intermedias.

Na seguinte fase, cun período estimado de 6 meses, realizarase o proceso de licitación das obras principais, finalizándose as obras de demolición e xa tamén dalgunha fase.

Na fase final executaranse e remataranse as últimas obras de edificación, tamén as últimas obras de urbanización e os últimos traballos do viario e dos accesos.

Imaxes relacionadas