Trenor participou na presentación do proxecto "Un mes e pico" en Boqueixón incluido no programa O Teu Xacobeo

O delegado da Xunta na Coruña participou no primeiro acto de presentación do ciclo cultural “Arqueoloxía do Pico Sacro e a Cultura Xacobea”

O proxecto é unha iniciativa pioneira na contorna que contempla conferencias, rutas arqueolóxicas, roteiros culturais e exposicións para poñer en valor a pegada da cultura Xacobeo no Pico Sacro durante os meses de agosto e setembro

Boqueixón (A Coruña), 6 de agosto de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García participou esta mañá na presentación do proxecto Un mes e Pico – A Arqueoloxía do Pico Sacro e a Cultura Xacobea, incluído no programa "O Teu Xacobeo" que contou cun apoio da Xunta de máis de 10.000 euros.

Trenor explicou que esta programación que hoxe se presentou é unha iniciativa pioneira na contorna que contempla conferencias, rutas arqueolóxicas, roteiros culturais e exposicións para poñer en valor a pegada da cultura Xacobea no Pico Sacro durante os meses de agosto e setembro.

Todas estas actividades teñen lugar en espazos naturais protexidos no propio Camiño de Santiago no Pico Sacro, en Touro e en Vedra, cunha importancia paisaxística, natural, histórica e arqueolóxica recoñecida. A programación pon en valor, dun xeito ou doutro, o patrimonio cultural do Camiño e as súas vinculacións co noso patrimonio.

O delegado da Xunta referiuse a algún dos colaboradores que farán posible todas estas actividades ao longo das vindeiras semanas como o biólogo e paisaxista Antón Bouzas, a historiadora Ana Isabel Filgueiras, o historiador Almagro Gorbea e o grupo profesional de teatro os Quinquilláns.

Na súa intervención o representante do Goberno galego lembrou que o programa "O Teu Xacobeo" suma máis de 400 propostas socioculturais nas que a Xunta de Galicia está a investir preto de 8 millóns de euros co obxectivo de facer desta celebración do Xacobeo 21-22 a celebración máis viva, segura, integradora, ampla e diversa posible.

Neste senso, rematou destacando que “todas estas iniciativas ponen en evidencia que desde a Xunta traballamos por un Camiño que posicione internacionalmente a marca Galicia. Un Camiño protexido, conservado e posto en valor e un Camiño hospitalario que atenda a multiculturalidade e que xere coñecemento”.

Imaxes relacionadas