O punto de atención administrativa covid-19 de Monforte de Lemos superou en catro días as 400 consultas

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións nas que se presta o servizo dende hoxe, situadas na estación de autobuses

Monforte de Lemos (Lugo), 6 de agosto de 2021.- O punto de atención administrativa covid-19 posto en marcha pola Consellería de Sanidade en Monforte de Lemos atendeu nos primeiros catro días de funcionamento máis de 400 consultas cidadás, o 45% delas para obter o certificado de vacinación.

O delegado de Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a oficina de atención administrativa que desde onte funciona na estación de autobuses de Monforte, acompañado pola directora do distrito sanitario de Monforte de Lemos, Inma Ramos.

Arias lembrou que o servizo comezou a prestarse o pasado luns no centro de saúde cunha acollida “extraordinaria”, e considera que “coas novas instalacións será aínda máis funcional e resolutivo”. Neste sentido, explicou que tamén se está a acondicionar a antiga cafetería da estación, onde se realizarán a partir de mañá os test de antíxenos que se viñan efectuando nunha unidade móbil.

Polo que respecta á actividade desenvolvida nestes días, ademais dos 182 certificados de vacinación expedidos, no servizo atenderon 103 consultas relacionadas coas aplicacións Sergas Móvil e E-Saúde e 98 relativas á Chave 365, entre outras.

Javier Arias salientou a rápida actuación e a máxima coordinación entre as consellerías de Sanidade e Mobilidade e Infraestruturas á hora de buscar un local adecuado para acoller tanto a oficina para atención administrativa como o punto de realización de test de detección rápidos. No mesmo sentido, indicou que tamén en maio as consellerías de Sanidade e Educación coordinaron coa máxima celeridade a instalación do punto de vacinación no antigo colexio do Sagrado Corazón de Monforte.
 

Imaxes relacionadas