O titular da Xunta participou na inauguración de Equiocio e na entrega dos trofeos do Concurso Nacional de Saltos
Feijóo destaca a capacidade de Equiocio para superar obstáculos e a súa importancia para a comarca de Ferrolterra
Salienta que este evento, non só se converteu nun referente da hípica a nivel estatal e internacional, senón que é un referente en ámbitos como o medio ambiental ou o turístico
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe durante a inauguración da trixésima edición de Equiocio a súa a capacidade para superar obstáculos e a súa importancia para a comarca de Ferrolterra.
Nesta liña, insistiu no mérito que ten organizar por segundo ano consecutivo un acontecemento de enorme complexidade como este, coas máximas garantías sanitarias, nunha situación como a actual. “É fundamental acreditar que somos capaces de facer convivir o virus e a ausencia de vacinas para todos co deporte e a actividade económica”, abundou.
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta tamén puxo de releve que este evento, non só se converteu nun referente da hípica a nivel estatal e internacional, senón que o é ademais en ámbitos como o medio ambiental ou o turístico. Non en van, engadiu, no seu compromiso coa sustentabilidade fomenta condutas medioambientais responsables entre os seus socios e, ademais, actúa como escaparate e polo de atracción para a comarca, especialmente do Camiño Inglés.
Finalmente, Feijóo destacou tamén o compromiso de Equiocio coa integración social e coa autoestima de Ferrolterra, unha comarca moi castigada pola crise industrial e pola transición enerxética.