A Xunta pon á familia de ourives composteláns Lado como exemplo de marca Galicia xa que forma parte do patrimonio cultural e artístico da comunidade

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe a mostra ‘Lado. Unha saga de ourives composteláns’, organizada coa colaboración de Artesanía de Galicia

Asegurou que esta exposición supón todo un atractivo na axenda cultural do Xacobeo para quen queira coñecer un dos grandes nomes da artesanía galega

Permanece aberta unha liña de axudas para impulsar a comercialización física que vai destinada a obradoiros, concellos e asociacións

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá na Casa do Cabido de Santiago de Compostela a mostra Lado. Unha saga de ourives composteláns. Esta exposición serve de homenaxe á traxectoria profesional dos ourives da capital galega en xeral e ao traballo das catro xeracións de artesáns da familia Lado en particular.

Conde asegurou que esta saga é Marca Galicia por formar parte do patrimonio cultural e artístico galego e supoñer un sinal de identidade da cidade compostelá, polo que esta iniciativa, que estará aberta ao público ata finais do mes de setembro, supón todo un atractivo na axenda cultural do Xacobeo para quen queira coñecer un dos grandes oficios e un dos grandes nomes da Artesanía de Galicia.

O vicepresidente económico fixo alusión así ao “merecido protagonista” desta exposición, Julio Lado, recoñecido co Premio Artesanía de Galicia 2016 e ao que definiu como un dos grandes mestres –salientando o seu dominio de técnicas centenarias coma o cicelado ou o repuxado– que segue a transmitir a súa experiencia aos novos profesionais, garantindo así o relevo xeracional.

A mostra, na que colabora a Xunta a través da Fundación Artesanía de Galicia, reúne unha selección de pezas realizadas por Lado ao longo da súa vida, así coma os debuxos orixinais das súas obras. Ademais, contempla un pequeno espazo no que se recrea o obradoiro do artesán cun banco de traballo con ferramentas tradicionais antigas, algunhas delas xa desaparecidas e moitas ideadas pola propia familia de ourives e prateiros.


O apoio autonómico a esta iniciativa enmárcase dentro do compromiso do Goberno galego co sector artesanal, ao que ten destinado diferentes axudas para apoiar e impulsar a súa comercialización, innovación e divulgación. Actualmente, mantén aberta unha liña de axudas, cun orzamento de 255.000 euros, para que os obradoiros de artesanía poidan participar en feiras profesionais ou de venda directa –con axudas de ata 8000 euros– e para que os concellos e asociacións teñan a oportunidade de organizar este tipo de eventos, contando con apoios de ata 30.000 euros.

Lado. Unha saga de ourives composteláns é a exposición máis visitada de Santiago desde a súa posta en marcha o pasado mes de xuño e continuará aberta ao público ata finais do mes de setembro en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas de martes a sábado; e os domingos, de 11:00 a 14:00 horas –os luns permanecerá pechada–.

Imaxes relacionadas